31 de mar. de 2011

CAMBADOS 31 DE MARZO DE 2011

ENTREVISTA DE RAMÓN NOGUEIRA A MARINHA COSTA.
Hoxe tráiovos unha entrevista. Xa que estudo xornalismo, creo que estaría ben que tivera un pequeno espazo en FLORES VERSADAS, aínda que seguirei a tope coa poesía, por suposto. Pois ben, esta entrevista fágolla a Marinha Costa, membra do grupo de teatro CARACOL, co motivo da próxima obra que se estreará no IES FRANCISCO ASOREY o día 4 de abril.
Ramón- Bos días, Marinha.
Marinha- Bos días, Ra.
R- Que é teatro Caracol (para quen non o saiba)?
M- Teatro Caracol é unha compañía de teatro non profesional, que está enfocada cara os rapaces, xeralmente dos colexios do Salnés que veñen a vernos de luns a venres durante dúas semanas.
R- Ben, durante canto traballades esas obras, durante canto as ensaiades, practicades e demais?
M- Xeralmente estamos tres meses antes de empezar a función, ensaiando dúas veces por semana, pero cando vai achegándose o día do estreno, comezamos a facer ensaios máis intensivos e empezamos a ensaiar todos os días da semana, dúas horas ou así.
R- E este ano con que nos sorprenderá teatro Caracol?
M- Pois a obra que se representa este ano chámase “Historia dun Chícharo”, pero coma sempre é unha obra adaptada, e ten sorpresas que non se poden desvelar. Pero xa sabedes, con vir xa está todo feito (risas)
R- Persoalmente estás contenta co traballo realizado nestes meses?
M- Persoalmente si, non me queixo. Pásoo moi ben nos ensaios, creo que é unha compañía que é moi dinámica, hai moi bo “rollo” entre a xente e está moi ben.
R- Para rematar, por que recomendas que vexamos a obra de Caracol deste ano?
M- Porque é unha obra na que botamos moito traballo e moito tempo ensaiando, que está feita para os rapaces, que está feita con cariño e que nosa vai a saír ben (risas) e onde o ides a pasar ben véndoa.
R- Moitísimas grazas por esta entrevista e agardo que todo vaia sobre rodas!
M- Grazas a ti.
Pois como dixo Marinha, de luns a venres os colexios do Salnés irán vendo esta obra dende o luns 4 de abril. Agora ben o domingo desa mesma semana, domingo 10 e o domingo 17, poderemos acudir todos aqueles que non sexamos alumnos de escola, xa que esa será a función onde calquera poderá asistir. As entradas están á venda en Sansatur, Chinelas e na Tinturaría Clareo, en Cambados.
E para finalizar facer unha mención especial a Olga González, directora da compañía Caracol, que ano tras ano nos sorprende cunha obra nova, que nunca nos deixa insatisfeitos. Mil grazas a Olga, a Marinha e a todos os membros de Caracol, por transportarnos á nosa infancia cada vez que se abre o telón.
Entrevista recollida do Blog de Ramón Nogueira “Flores Versadas”.
"A FOUCE ESQUECIDA" REMASTERIAZADA.
Benxamin Rey autor da curta “A Fouce Esquecida”, que foi protagonista na homenaxe que Unha Grande Chea lle brindou a Ramón Cabanillas no ano 2006, berce do ano Cabanillas 2009, acaba de remasterizala e colgala en you tube. “A fouce esquecida” está basea nun poema de Ramón Cabanillas do mesmo nome, protagonizada por Xosé Luis Nuñez( finado) e Aurora Romero non principais papeis, coa participación dos nenos Mónica Vidal e Xosé Miguel González.. Participaron tamén en papeis secundarios: Xoaquin Lens (finado), Miguel Palacios (finado), Ramón Noya, Manoel Cores, Manoela Lorenzo, Xesús Piñeiro, Xosé Pérez, Xosé Costa, Bieito Iglesias, Ramón Rodriguez, Anxo Feijoo e Anxo Vázquez.A música corre a cargo de Xoán e Lino Silva, canta Xoan Silva, cunha xenial narrazión de Xoaquín Lens.Con guión, dirección e Realización de Benxamin Rey. Podes vela premendo AQUÍ.

A CAMPAÑA VIRTUAL DAS MUNICIPAIS
Nestas eleccións municipais internet está tendo, como cabía agardar, máis protagonismo que nunca.
Quizais quen leve a dianteira neste sentido sexa o BNG, que desde hai moito conta con espazo web e perfil de Facebook, e que hai unhas semanas introducia por primeira vez o lanzamento periódico duns vídeos na súa conta de youtube para presentar o equipo que acompaña a Víctor Caamaño, e para achegar algunhas das propostas dos nacionalistas (até o de agora a peonalización de Fefiñáns e un urbanismo planificado).
Pero nesta batalla electoral máis virtual ninguén quere quedarse atrás; tamén o PSOE abriu un perfil en Facebook e mesmo veñen de abrir unha páxina cun novo deseño onde publican as súas notas e as súas propostas (a primeira, crear un Conservatorio de música profesional).
E o máis sorprendente, o PP, que sempre fuxira do campo virtual (onde, hai que dicilo, predominamos as correntes de opinión máis á esquerda) xa creou tanto un perfil en Facebook como unha páxina web. E iso non é todo, hoxe mesmo sumouse á iniciativa do Bloque e publicou un vídeo onde se ensalza a figura de Luis Aragunde por medio de declaracións dalgúns traballadores e empresarios da vila.
Nova recollida de http://www.cambados.tk/  
CARREIRA DOS INSTITUTOS ASOREY - CABANILLAS
O venres 15 de Abril terá lugar polas rúas de Cambadoas unha nova edición da Carreira dos Institutos que este ano organiza o I.E.S. Asorey, o percorrido será o seguinte , saida de San Tomé, pasará por Fefiñans, a A Pastora con meta no Instituto organizador. Admiténse inscripcións ate o mércores 13 de Abril no negociado de Eduación Física. Se non queres participar como corredor podes participar como membro de seguridade decruces ou controis.



CELEBRACIÓN DO VII CONGRESO INTERNACIONAL DE NUTRICIÓN, ALIMENTACIÓN E DIETÉTICA E XV XORNADAS NACIONAIS DE NUTRICIÓN PRÁCTICA
O CAMBADÉS RAMÓN CACABELOS GARCÍA, FOI O ENCARGADO DE ABRIR O CONGRESO
Máis de 800 profesionais da saúde déronse cita no VII Congreso Internacional de Nutrición, Alimentación e Dietética e as XV Xornadas Nacionais de Nutrición Práctica que se celebra ata o 1 de abril na Facultade de Medicina da Universidade Complutense de Madrid.
Durante os tres días do congreso os expertos expón e debaten os últimos datos e avances no ámbito da nutrición como clave para a prevención de enfermidades.
O director xeral do Centro de Investigación Biomédica EuroEspes,  o cambadés Ramón Cacabelos García, foi o encargado de abrir o Congreso coa súa conferencia sobre Nutrigenómica e Farmacogenómica, que emerxen como novas disciplinas no campo da saúde para entender a influencia que xenoma e fármacos ou alimentos exercen entre si.
Máis información premendo AQUÍ.


CASTRELO ORGANIZA O PRIMEIRO FESTIVAL NACIONAL DE CORAIS
A asociación veciñal, cultural e deportiva comisión de festas Santa Cruz de Castrelo organizará o primeiro concerto nacional de Corais. A cita será o próximo 1 de maio no campo da festa desta parroquia cambadesa. A música comezará a soar ás cinco da tarde.
Na primeira edición deste festival participará unha coral de cada unha das provincias galegas. De representar a Pontevedra encargarase a agrupación de Castrelo, que exercerá de anfitrioa. Ademais, invitarase á agrupación San Pedro de Cudillero, de Asturias. Tamén actuarán a rondalla Gato Negro de Carril e o grupo Airiños da Lanzada. Susana Filgueira e Beti Mondragón encargaranse de presentar o acto, esperemos que desta vez tamén se invite os voceiros da oposición.

PRESENTACION NOVO FORD FOCUS EN CORVILLÓN-CAMBADOS
Marcauto Corbillon ten o gusto de presentar o novo ford focus, e por iso van celebralo cun convite o Venres dia 1 de Abril nas nosas instalacións de Corbillon (en fronte ao DIA%); onde se serviran viños e tapas variadas.
Veña a coñecer o seu novo modelo, porque arrinca algo mais que un coche, ou simplemente a pasar un intre agradable con eles.
Pode velo tambien nasuapaxina oficial http://www.ford.es/  . A sua canle de youtube http://www.youtube.com/user/FordSpain  , onde a presentadora de informativos deportivos Sara Carbonero e a música creada por Carlos Jean , preséntanvos nos vídeos o novo modelo e algúns os seus avances tecnologicos e exclusivos.
Ou se preferides ser un seguidor de twitter en http://twitter.com/#!/FordSpain  segue todas noticias da marca.

REUNIÓN EN PONTEVEDRA DE SIAREIROS GALEGOS
O vindeiro sábado 9 de Abril Siareir@s Galeg@s organiza unhas xornadas en Ponte Vedra. Con o fin de espallar as nosas reivindicacións ao longo do ano e do país, convivámosvos a participar nesta xornada de loita e lecer. Contaremos tamén con a colaboración da LNB (Liga Nacional de Billarda) e do Centro Social Revira.
Haberá actividades durante todo o dia que constarán nun torneo de fútbol sala, un xantar popular, un aberto de billarda e regueifa.
Este é o programa completo:
10:00h – Torneo de fútbol  sala no pavillón do I.E.S. “Xunqueira I”
Prezo da inscripción (equipa de 6 persoas): 12€
Premios: Garrafa de licor café e lote de material de Siareir@s Galeg@s para o primeiro clasificado. Garrafa de licor café para o segundo.
15:00h – Xantar popular no Centro Social Revira
Prezo: 5€ (Bebida incluída)
18:00h – Aberto de Billarda da LNB no Recinto Feiral
Participación gratuíta. Regalo dunha garrafa de LK para a persoa gañadora
20:00h – Regueifa con Bieito Lobarinhas e Josinho da Teijeira no C.S. Revira.
Haberá bocatas de chourizo.
UNHA NACIÓN, UNHA SELECCIÓN!

CONCERTO A PROL DO UMIA CF
O sábado trinta de Abril o Umia C.F, vai levar a cabo un concerto na Carballeira de Barrantes, co fin de recadar fondos para sufragar os gastos da tempada, a tal fin xa teñen confirmados grupos tales como “Fora de Servicio”, “O s Pablos”, e “Skalopendra”, e teñen pendentes de confirmar outros grupos.



SE VAS A SEVILLA ALOXAMENTO POR 15 €
Hospedería no Convento de Santa Rosalia, un convento de monxas no centro de Sevilla por 15 € a noite - Axúdas desta forma a estas monxas que o están pasando mal porque teñen serios problemas económicos.
O Convento do Santa Rosalía, está situado na rúa Cardeal Spínola (fronte á famosa tenda Sevilla Musical), xunto á Praza da Gavidia, é dicir, en pleno centro histórico de Sevilla. Neste convento existe unha hospedería que rexentan as monxas e aloxarse costa 15 euros. Si, lestes ben: 15 euros por noite. Efectivamente, son unhas habitacións austeras e sinxelas con cuarto de baño individual e silencio, moito silencio.
O teléfono do convento para reservar unha habitación é o 954
383209 954 383209 954 383209 954 383209 .

Ningún comentario: