10 de xul. de 2011

MONOLO SILVA CORRIXE A PRENSA


José Manuel Silva Losada
No FARO DE VIGO do pasado 5 de xuño, no artigo "Fulgor e ocaso do socialismo cambadés", menciónase a figura do meu pai, José Manuel Silva Losada, primeiro alcalde socialista de Cambados, ao que se lle atribúe o oficio de mecánico. Non é o oficio o que me move a pór estas letras, pois todos son respectables, senón o que en varias publicacións relativamente recentes (libros, artigos de prensa) apareza con distintos traballos: chofer, empregado do seu irmán Ernesto, descargador de camións, e ata nun acúsano de "cómico". 
Quero aclarar que o seu traballo, logo do seu regreso de Arxentina, consistiu en ser propietario da empresa de autobuses Plus ultra, que cubría a liña entre Cambados e Pontevedra, e que logo vendeu a Antonio Cuiñas. Posteriormente, nos baixos do entón famoso hotel Calixto, montou o Café Sakuska (de aí vénlle o seu sobrenome), que vendeu a José Igrexas e pasou a chamarse Café Igrexas. 
Manolo Silva
Máis tarde puxo un coche de servizo público ata o ano 1936, no que sendo alcalde foi detido e pasou catro anos encarcerado en San Simón e en San Cristóbal de Pamplona. Ao seu regreso, dedicouse a seguros, representacións e outros negocios.  Este é o resumo da súa actividade laboral, e aconsellaría aos historiadores que, de ser necesario, aliméntense de fontes máis directas, posto que dos seus dez fillos, seis viven en Cambados, e eu, o maior, aínda que resido en Pamplona, paso cinco ou seis meses ao ano no meu bonito pobo. 

Ningún comentario: