12 de xuño de 2012

UNHA DEPURADORA DE CAMBADOS SANCIONADA POR TER AMEIXA ILEGAL

Gardacostas requisa case media tonelada de especies en tres establecementos arousáns.
A Consellería do Mar recordou á cidadanía que o consumo de marisco extraído e comercializado de forma ilegal pode supor un risco para a saúde.
Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia comisaron onte pola mañá case media tonelada de produtos mariños en tres establecementos do sur da ría de Arousa. Aínda que desde a Consellería do Mar non quixeron precisar en que tipo de establecementos foron incautados os produtos, transcendeu que unha partida foi interceptada nunha depuradora de Cambados.
O golpe dos funcionarios de Gardacostas produciuse no marco dunha serie de labores de inspección, das que frutificaron tres. Na depuradora de Cambados, da cal non trascendeu o nome,  os axentes incautáronse de 206 quilos de ameixa babosa. O bivalvo atopado non alcanzaba a talla regulamentaria.
Outra operación concluíu con 230 quilos de cangrexo atlántico comisado e nun terceiro establecemento retiraron dez quilos de choco. En ambos os casos, os titulares dos negocios non puideron mostrar a documentación que amparase a legalidade dos lotes de produtos mariños.
A Consellería do Mar recordou á cidadanía que o consumo de marisco extraído e comercializado de forma ilegal pode supor un risco para a saúde, ao non ter pasado ningún tipo de control que así o certifique.

                               
                                           
Para unha mellor navegación por este blog  usa o navegador GOOGLE CHROME. Descarga GOOGLE CHROME premendo AQUÍ.

Ningún comentario: