25 de xul. de 2012

O BNG DE CAMBADOS DENUNCIA POR VIA ADMINISTRATIVA O ASUNTO DO PINAL DE MAZA

Como ben di no seu blog o BNG de Cambados, pasa a loita a pe de pinal , a loita administrativa cunha serie de denuncias, a primeira vai dirixida o XEFE TERRITORIAL DE PONTEVEDRA DA CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E MARIÑO, haberá outras mais rematando coa presentación de documentación perante a fiscalia do Tribunal Superior de xustiza de Galiza, por si os feitos foran constitutivos de delito. A modo orientativo
colgamos nas columnas da dereita o piñeiral antes da agresión do PP e despois da agresión do PP, para que vexadas a desfeita que fixeron no monte ( A todo isto os imnpresentables do concelleiro Juan Ramiro e Touris seguen sen ter a decencia de dimitir). Debido o interés da denuncia reproducimola integramente a continuación:

"Víctor Caamaño Rivas, portavoz do grupo municipal do BNG de Cambados,

EXPÓN: que desde o pasado mes de abril, o grupo municipal do BNG ven de denunciar as diversas ilegalidades nas que concorre unha obra realizada por dúas empresas (DISMATERRA SL, expediente municipal nº46/2.012 e CANCELO CB, expediente municipal nº 81/2.012) en Cambados (concretamente no denominado “Pinar de Maza”, na Modia, Vilariño) que consisten na transformación dunha superficie  de case 1 Km2 e constituída por unha serie de fincas menores que conta con protección forestal, nun cultivo de albariño. Que a superficie total desta parcela estaba recuberta por unha mesta masa arbórea formada por piñeiros, carballos e sobreiras (este feito pode aínda comprobarse utilizando diferentes “buscadores xeográficos” en internet como o “Sigpac” ou o “Google Earth”). Que ditas obras comezaron no mes de xaneiro deste ano sen ningún tipo de permiso ou licenza e, incluso, sen existir naquel momento ningún expediente aberto no concello de Cambados (os expedientes a ámbalas empresas abríronse  o 23 de febreiro de 2012). 
Que, para realizar esta obra, as citadas empresas solicitan simplemente permiso para cultivo de albariño ocultando, co amparo do concello de Cambados, que facer emparrados nesas parcelas significaría, ademais dunha tala, un movemento de terras (necesitaría, polo tanto, previa licenza municipal; non a ten a día de hoxe), pois así o esixe o artº 194 da Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (aportamos fotos do movemento de terras realizado entre xaneiro e febreiro deste ano). Que ademais, neste caso, tamén se oculta desde o concello que as parcelas correspondentes coa citada obra están urbanisticamente consideradas como “solo non urbanizable de protección forestal” segundo as NNSS do noso concello que datan do ano 1995 (ORDENANZA 9: SOLO NON URBANIZABLE DE PROTECCIÓN DE ZONAS FORESTAIS) e por ser Cambados un concello sen o planeamento adaptado,  a Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia, no seu apartado f) da súa disposición transitoria primeira establece que ao solo non urbanizable aplicarase integramente o disposto nesta lei para solo rústico e dita lei non ampara en ningunha das súas disposicións o cambio de uso que significa a transformación dunha zona forestal a un uso agrícola. Así mesmo o POL, como normativa de rango superior ás NNSS de Cambados, establece que o lugar é un ESPAZO DE INTERESE, o que ven a confirmar o especial valor paisaxístico da zona que a fai incompatible con actividades e construcións agrícolas. Que así mesmo, nos citados expedientes, existe un escrito da Consellería de Medio Rural e que en parte del pode lerse textualmente: “se respectarán as sobreiras que se atopen nos lindeiros das fincas” (refírese ás fincas que forman toda a parcela); petición que tampouco se cumpriu en absoluto e a día de hoxe xa non quedan sobreiras no lugar. 
Para rematar esta  exposición debe apuntarse que a gravidade deste tipo de actuación increméntase ao considerar que o representante  dunha das empresas (DISMATERRA SL)  é un concelleiro do PP que forma parte do grupo municipal de goberno de Cambados e que na mesma empresa é copropietario o Delegado Territorial de Pontevedra da Xunta de Galiza. Así mesmo, debe aclararse que desde o goberno municipal do PP no concello de Cambados, tratou de ocultarse en todo momento o cúmulo de irregularidades cometidas nesta obra. Ademais, para máis información en relación con este caso, con data 8 de maio de 2012 e nº de rexistro 82169, o parlamentario do BNG, Bieito Lobeira, realizou unha Pregunta parlamentar relativa á existencia ou non de autorización e subsidios para as actuacións no “Pinar de Maza”; polo que

SOLICITA: que a Consellería do Medio Rural e do Mar, dentro do seu ámbito competencial, actúe e trate de impedir e sancionar as irregularidades que se cometeron neste caso.
En Cambados a 24 de xullo de 2012
Asinado: Víctor Caamaño Rivas


Ningún comentario: