28 de ago. de 2012

¡¡¡TOURIS TRAMPON, PRESENTA A DOCUMENTACIÓN!!!

O Blog do BNG de Cambados, ven de facer pública unha nota de prensa que polo seu interés reproducimos íntegramente:
O BNG DE CAMBADOS ESIXE QUE SE PRESENTEN
OS PERMISOS DO PINAL DA MAZA SE EXISTEN
“A Cores Tourís e ao PP de Cambados a convocatoria electoral adiantada por Núñez Feijóo, obedecendo as ordes de Mariano Rajoy, semella que os puxo dos nervios”
Xa empeza a ser un costume o esperpento do Delegado Territorial da Xunta en Pontevedra Xosé Manuel Cores Tourís nas súas comparecencias públicas, confundindo os seus problemas e os seus negocios coas súas funcións intitucionais. Así na comparecencia de onte, recollida hoxe polos medios de comunicación, en vez de centrase no proxecto que teoricamente estaba a presentar o que fixo foi atacar ao BNG e escudarse nunhas supostas licenzas e permisos das obras do Pinal da Maza que ninguén coñece para agachar que el como máximo representante da Xunta en Pontevedra en vez de velar polo cumprimento da legalidade o que fai é aproveitarse para arranxar os seus negocios.
Vese que a Cores Tourís e ao PP de Cambados a convocatoria electoral adiantada por Núñez Feijóo, obedecendo as ordes de Mariano Rajoy, púxoos dos nervios, pois son conscientes de que a situación social provocada polas lesivas medidas de recortes  para a maioría da poboación está a provocar unha reacción contraria aos seus intereses, unha reacción que vai supoñer apealos o 21 de outubro dos cargos que ocupan neste momento, cousa que para eles supón unha traxedia pois veñen amosando ao longo dos anos que están en política para atender aos seus negocios e non para gobernar en función dos intereses de Galiza e das súas maiorías sociais.
O BNG non vai entrar nas descalificacións, mentiras e insultos pronunciados onte, pois en Cambados todos nos coñecemos, e por tanto só lle queremos lembrar aquel dito popular de “cre o ladrón que todos son da súa condición”. Gostaríalle a Tourís que todo o mundo estivera en política polo mesmo polo que está el pero afortunadamente tanto en Cambados como en Galiza a xente do BNG está en política para servir á cidadanía e non para servir a intereses e negocios particulares; e sobre isto voltamos a repetir que en Cambados todos nos coñecemos e todos sabemos a que anda cada quen.
Onte Cores Tourís dixo que a obra do Pinal da Maza “conta con todos os permisos e incluso con máis dos que corresponden” pero curiosamente esas declaracións non foron refrendadas até o momento nin polo concello nin pola Consellería do Medio Rural; administracións que prefiren ollar para outro lado cando se lles pregunta pola legalidade das obras no Pinal de Maza. 
Como pode ser que o concello, desde o 25 de maio, aínda non nos aclarara se lle concedeu licenza municipal a esta obra? Como pode ser que a Consellería do Medio Rural respostara ao BNG o pasado 3 de agosto “que non teñen  constancia da transformación en cultivo de albariño das fincas (alugadas polas empresas Cancelo CB e Dismaterra SL) que forman o chamado “Pinal de Maza” de Cambados”?
Estas son só dúas probas claras de que o BNG de Cambados leva razón nas súas denuncias pois de estar todo en orde o alcalde de Cambados non debería ter problema en entregarnos os permisos municipais e a Consellería do Medio Rural non desmentiría a Cores Tourís.
O alcalde de Cambados en vez de defender aos cambadeses e cambadesas diante dos recortes e agresións que sofrimos, centra todos os seus esforzos en defender a Cores Tourís, amosando unha vez máis que é só un mandado que obedece docilmente as ordes de quen o puxo no posto.
Doutra banda o BNG ven de presentar un novo escrito pedindolle o "xordo" de Aragunde  que conteste as preguntas do pinal de Maza: 
"Víctor Caamaño Rivas, portavoz do grupo municipal do BNG de Cambados,
EXPÓN: que con data 25 de maio de 2012, o grupo municipal do BNG presentou unha serie de preguntas (nº de rexistro de entrada: 2012/3285) no concello relacionadas coas ilegalidades cometidas nas obras de transformación da zona forestal do “Pinar de Maza” nunha plantación de viñedos de albariño; preguntas que a día de hoxe seguen sen ser contestadas pola alcaldía, polo que
SOLICITA: que ditas preguntas (nº de rexistro de entrada: 2012/3285)  sexan contestadas no pleno do próximo xoves 30 de agosto.
En Cambados a 28 de agosto de 2012
Asinado: Víctor Caamaño Rivas
SR ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DE CAMBADOS"

Ningún comentario: