22/10/2012

CAMBADOS NO RECORDO: ALCUÑOS CAMBADESES CON SÉCULO E MEDIO ( POR MANUEL NUÑEZ PEREZ)

“A par deles , ó cheiro da merenda, 
Chegaban o arriscado Setetripas, 
o Chepa, O Raña, o Chasco, o Rillachavos, 
o Sambesugas…a fror da pillería!
R. Cabanillas
As tardes na Pastora”
Don Ramón Cabanillas, neste anaco deste poema cheo de recordos da súa infancia, cando fala dos seus compañeiros cítaos polos seus alcuños, alcumes, aldeallos ou nomeadas, que así se chaman os sobrenomes con que son coñecidas algunhas persoas ou familias. O poeta cambadés non se resiste a este costume tan afincado na nosa vila  de alcuñar a todos os veciños. Este feito é propio das colectividades pequeñas nas que por broma ou burla ningúen se libra de cargar cun alcume e máis se se siginifica en algo.
O que comezou como brincadeira pode darse o caso que se perpetue e o alcume acabe substituíndo ao verdadeiro nome. Poroba disto é que nas esquelas é moi frecuente atopar debaixo dos nomes e apelidos dos finados ou finadas os alcumes polos que eran coñecidos. Seguro que moitos dos veciños terían dificultade en identificalos polo seu nome e apelidos.
O alcuño acada tal importancia que acada á familia:
“os de…” e mesmo se transmite en herdo. Moitos deles perduran ao longo dos anos e a mesma familia non lembra de onde lle ven o alcume.
Cando lles falaba aos meus alumnos da Onomástica, rama de filoloxía que estuda científicamente os nomes propios, e máis en particular, da Antroponimia, que estuda os nomes propios das persoas, ademais dos nomes e apelidos cos seus significados e orixes, dos hipocorísticos (nomes afectivos ou familiares dos seus nomes oficiais: Pepe por Xosé, Moncho por Ramón,  etc..) parabámonos especialmente cos alcumes. Case sempre lles lía o poema “A rebeira de Cambados” que reproducimos de seguido.
Aparece no libro “Cambados. A la luz de la historia” da autoría de José Caamaño Bournacell, cronista oficial da vila de Cambados, publicado no ano 1933. O seu autor é Adolfo Caamaño Silva de la Peña, pai de José Caamaño, que o escribiu en 1885 e xa tiña falecido cando o seu fillo o publica.
Sabemos que Adolfo Caamaño foi nomeado Secretario do concello de Cambados en 1895 e que, curiosamente tivo como auxiliar ao daquela mozo Ramón Cabanillas. Ramón foi colaborador  do xornal santiagués “El ciclón”, reproduce póstumamente no ano 1946, no seu Nº 9 a composición “Todo pasa” da que tamén foi autor.
¡A rebeira de Cambados! É a descrición dunha escena que se desenvolve na ribeira, pois cando  se escribiu o poema aínda no se construirá o peirao de Cambados (fixose entre 1907 e 1911). Ao chegar unha lancha da enviada –as que traían o peixe e levaban provisións ás que estaban a pescar alonxadas do porto e as reghateiras coas patelas van buscar o peixe. Por menos de nada móntase unha rifa da que son espectadores mariñeiros e curiosos. Nada de particular, se non fose que todos os protagonistas son nomeados polos seus alcuños. Centro trinta e sete, senón contei mal.
Este longo poema está composto por vinte e dúas sextinas, estrofas neste caso de seis versos de oito sílabas que buscan a rima consoante. Presenta o seguinte esquema de rima: 1º co 2º o 4º co 5º e o 3º co 6º.
Na reproducción de poemas mantemos a ortografía orixinal, malia non ser moi coherente nin na acentuación nin no uso do apóstrofo. O mesmo ocorre co “y” grego e co “i”latino. Pasa outro tanto o seseo e coa gheada. Non podemos esquecer que na data na que foi escrito non existía unha normativa para a escrita do idioma galego. O autor busca sonoridade e o ritmo e tenta reproducir a fala popular.

A REBEIRA DE CAMBADOS
Cand´unha lancha d´enviada
Ven caró muelle cargada
De lonxe tocá bugina
Prá que´o ilá regateira
Acod´pres´á Rebeira
E lle merquen a sardiña.

Antes de varar dí o patrón
Que tiren presto có risón
I-o qu´queira peixe fresco
Com´a lanchea quedá fora
Agard´mais de unha hora
Có a sua cesta ou cesto.

No muelle mercan sardiña
A Rajona, a Dereitiña,
Tarancada, Tartarexa,
A teicoa, á Cameana,
Noquiriquiña, a Jañana, 
Cabirta, Pola e Conexa.

Aló verran com´tolas
A Piruleira, as Repolas,
A Cabuxa, ás de Burjáns, 
A Meca, Peluda, a Chocha,
Cotela, Faladora, Pocha, 
A charanga iá Escaldacans.

Por faltarlle un ollo mol
A rataiá do Có o Sol
Chamanll´ladr´a Achadisa;
Yaló acoden á Manteija, 
A peteira, Ladra-meija, 
A Migueliña e Visvisa.

Sin qu´lles import´un pito
Toman part´á do Bunito,
A Carracha, á Caravela,
A Tuna Ancha, Marquesa, 
Torta d´Andruja, á Toresa, 
A Tangueira a Sarradela.

Enton arman tal arruido
Qu´ch´abouxan ó sentido,
Y´unhas ás outras din:
“Xá es filla de mala nai
¿Yél qu´rayos foi tu pai?
¡Un borracho, un palenquin.

“Vai d´ahí cara de ladra,
Filla d´unha escomulgada
Ynd´o demo me levara
S´en vind´ó home de mar
Non chás ei facer pagar…
¡Mira qu’ levas na cara!

Có isto vanse enfadando
Prá acabar sempre loitando,
Y-e de ver aquelas mans
Com´o triscan os cotelos,
Como s´arrincan os pelos
Yhastra com´se dan paus.

Mirand´estan os Cañons,
Lorcheiro, Queima-xerjóns,
O volante, Mantequilla,
O lotiño, Cuchorizo, 
Tuné, Tatis, o Cortizo, 
O Chuchalo e Calderilla.

Dinlle qu´eso n´está ben
A solfa, Jombra, á d´o Tren
Viva, Empanada-cheirenta,
A nécora, a Pichonera, 
Chucha Meniños, Ferrera, 
Verradoras i´Corenta.

Aló cantan coá do Noñon
A Picona, á do Choron,
Caja n´o tallo, a Carneira, 
a Jueca, Nasaraniña,
Xepa, Luera e Peneiriña, 
Candidiña e Serraleira.

Verran ó que lles d´a gana
A reina, Moña, a Serrana,
As Correas, a Raneira,
A Bocacha, a Santiña,
Vijesa, a Marjuradiá, 
A cudusa ia Peideira.

Deixemos, pois isa xente
En compaña da do Quente,
Malmurando con coraxe
Da montañesa, a Friaxe,
Da Troca, da Chiquitina,
Da Espeta mais, da Choupina.

Na taberna do Charelo
Xogan a brisca o Catelo,
Pombo, Vicho, Piroleiro,
Pepú, Crego, o Corbatilla,
Cuco, Pataco, Emparrilla,
Caja-rabisas io Cordieiro.

O tute no do Chalrrin.
Felerchos, Futre, Chinchin,
Culi-quinto, Ferrolan,
Siñor Ruperto, Lansero,
Alifonso, o Taconero,
O luruxo e Piangan.

Beben caña por un xarro
O Teixujo, Taina, O Chaparro,
Tiburcio, Calabre, Volante…
E chifran qu´é unha monada
Pochoso Perna-encarnada,
Campa de noche, oi Arrogante.

Na bodega d´Anxeliño
O Jordito, o Ouregiño,
O Alacran, o Fogeteiro,
Os Pelados, Barrantes, 
O Rapado, o Miañés,
O chicharro io Barbeiro.

O salir por fin da festa
Rómjpell´álgun prob´a testa
Pois dall´a chispa por mal;
Y´aló acode berrando
O Tuno que non despreciando
E un pedánio moi cabal.

Sinto afé nó corazón
Que sea probá canción,
Mais… veciños e veciñas
Terés qu´desemular
Pois mellor non sei cantar,
Nin facer, senón berciñas.

Nón hazañarse coterruños
O ver os vosos alcuños
Núns versos d´ista maneira, 
Pois pido a todos perdón
Na mentras qu´co corazón
¡¡EL SALUDOTE REBEIRA!!

Adolfo  Caamaño Silva. 
Septiembre de 1885.

Nunha obra posterior, “Estampas de Cambados” 1953, Caamaño Bournacell publica de novo “a Rebeira de Cambados”. Presenta está edición bastantes modificacións: introduce duas estrofas que non aparecen no texto de 1933 e bastantes variantes ortográficas e morofolóxicas.
Entre a 2ª e 3ª estrofa

O mar mtenese unha neas,
Xá roxas ou xá morenas
Qu´alumenan  nún candil,
I-as probiñas, ben cargadas,
Carréxsano, arremangadas,
Mais arriba d´o cadril

Modifica algúns versos:

Antes de varar  di o patrón/Antes de varar, o patrón
Que tiren presto co risón/ manda tirar o risón
Verran ó que lles d´á gana--/verren o que lle dá a gana.

Entre a 9ª e a 10ª

Cando  fai o vento n´a Praia
O pegarse erguelle saya,
I-andando déiqui pr´alá, 
Amostran as regateiras
(sin ser estio lixeiras)
¿Unhas pernas , que xá, xá…

Cambaias algunhas palabras: despreceando/despreciando, afé/ a fe, que sea/ que sexa, desemular/disimular, mamentras/ na mentres, isa/esa… En realidade tenta actualizar o texto a ortografía. Acentúa todas as palabras agudas rematas en ene e ese, suprime case todos os apóstrofos cambiándoos por raia e mesmo os emprega en algún caso novo (na casa/ n´a casa), introduce algunha vez o acento circunflexo (ô cando equivale a a+o), suprime o h de hastra, cambia o y grego por i latino no caso das conxuncións, separa coa/co a,…e corrixe algúns alcumes: Chuchalo/Chuchallo, Troca/Tronca, Catelo/Cotelo.
Cando lía cos meus alumnos esta composición, unha das actividades era comprobar cantos dos alcuños citados nela estaban “vivos”. O s resultados eran variables pero sempre se movían entre os quince e os vinte e cinco.
Arestora fixen o mesmo con cambadeses que superan todos os sesenta anos e puiden comprobar que seguen vixentes en Cambados, Fefiñans e San Tomé, o unas parroquias veciñas de Corvillón, Castrelo, Vilariño e San Miguel onde se trasladaron por distintas razón, os alcumes seguintes dos citados por Caamaño: Direitiña, Tartarexa, Cameana, Niquiriquiña, Pola, Cabuxa, Burjáns, meca, Peluda, Pocha, Rata, Cú o Sol, Peteira, Carracha, Caravela, Marquesa (Marquesiños), Toresa, Cañóns, Lorcheiro, Lotiño, Cuchurizo, Tátis, Calderilla, Picona, Chorón, Carneira, Jueca, Xepa, Lura, Serralleira, Reina, Moña, Vijesa, Cudusa, Montañesa, Chiquitina, Charelo. Pombo, Vicho, Crego, Corbatilla, Cuco, cordeiro, Chinchin, Culi-quinto, Lansero, Taconero, Luruxo, Piangán, Teixugo, Chaparro, Pochoso, Perna-encanada, Jordito, Fogeteiro, Barrantés, e Rapado.
Cincuenta e oito alcumes que resisten o paso do tempo, malia o aumento e diversificación da poboación cambadesa. Algúns deles aparecen , xunto con outros, noutro poema dsos anos corenta do pasado século (sempre antes de 1946, ano no que se trrasladou o mercado da Praza de Fefiñans ao actual emprazamento) que me proporcionou Xoan Antonio Pillado titulado “Un barullo no mercado de Fefiñáns”. O seu autor é David Rey, revisor de “la Emprendedora”, autobús que facía a liña de Vilagarcia a Cambados e O Grove. Posiblemente  inspirado no poema de Caamaño, menos literario e máis divertido, conta o lío que armaron uns rapaces de Triana, cando un día de mercado soltaron unha burra que estaba atada nunha argola do Pazo de Fefiñans, e espantaron polos medios dos postos dos feirantes.
Falando destes alcuños foron sáindo  outros de hoxe: Vagho, Cubeiros, Cregas, Cobertoreiros. Codelos, Burra-neghra, Furruxa, Mazaricos, Pelea, Persebellos, Chacachana, Ghueca, Roquiños, Peideiras, Mexa no corno,…e así ata un cento, sen esforzarse nadiña, que darían para escribir moitos outros poemas. Deixemos pois o asunto dos alcumes pois, como ben decía Camilo José Cela nun dos seus relatos carpetovetónicos intitulado”El coleccionista de apodos”, recollido no libro “El gallego y su cuadrilla”: “…El coleccionista, hombre que sabe bien que este terreno por el que camino es como un sin orillas, porque un apodo trae quince enganchados en los flecos del pantalón, y cada uno de los quince, quince o venite más”.
Cambados 1 de xullo do 2012-10-16 Mes de Santiago  a quen xunto co seu irmán Xoán (os fillos de Xebedeo) Xesús alcomou como “Baonerges” que quere dicir “fillos do trebón”.
MANUEL NUÑEZ PEREZ.











FOTOS RECOLLIDAS EN: http://fotosantigascambados.blogspot.com.es/






Ningún comentario: