15/10/2012

¿COMO CHE PUIDO PASAR A TI, TOURIS?

POR RICARDO DOMINGUEZ REY
      Desperteime a sema  pasada coa nova publicada polo xornal  “El Pais” dunhas  manifestacións  gravadas, e que se atopan en  poder do xulgado de Arzuá, nas que o  ex alcalde
de Melide implicaba a Xosé Manuel Cores  Tourís, ex alcalde do meu amado pobo,  nun  asunto de comisións ilegais, e, como á  maioría dos meus veciños, a miña primeira reacción foi de sorpresa. 
      Porque ¿quen é Xosé Manuel Cores Tourís? ¿teñen algunha base estas acusacións? recordo os inicios de Tourís na política municipal, despois dunha discreta xestión en Horsal, e como xa, dende os inicios, optou (coma o entonces alcalde Santiago Tirado) pola dedicación exclusiva (non hai nada mais atractivo que chupar da teta do estado) a diferenza do  antecesor de ambos, Xosé Antonio Pillado Silvoso, que, por contra, non nos custou un peso aos cambadeses xa que optou por compaxinar a súa labor ó fronte da Casa Consistorial co seu traballo de mestre, sacrificando o seu tempo libre e o da  súa familia, para poder  levar a cabo ambas tarefas. 
      Recordo que Tourís volveuse o fiel escudeiro de Tirado, e sobre todo recordo, unha época crucial para Tourís, como foi o enfrontamento entre o alcalde Tirado e a funcionaria Botana que desembocou na inhabilitación do primeiro, co que, Tourís, numero dous daquela, tiña vía libre para iniciar a que sería a súa fulgurante carreira política (nunca lle poderás estar mais agradecido a Botana, Xosé Manuel).
       Da súa etapa como alcalde de Cambados, recordo, a parte do seu indubidable “sex appeal”, que levou a mais dunha simpatizante pepera a dicir: “¡¡tenemos al alcalde mas guapo de la provincia!!  ou  “¡¡que guapo me va hoy Tourís!!” (asegúrovos que eu escoitei isto en mais de  algunha ocasión), dicía, que a parte de isto, recordo moita obra en Cambados, non vaiades a pensar mal, seguro que era porque quería o mellor para Cambados ¿verdade Tourís?,  porque seguro que nunca cobraches un peso na túa xestión o fronte do consistorio cambades, que non fora os teus emolumentos  como alcalde ¿verdade Tourís? e porque a túa entrada na política municipal foi un indiscutible desexo altruísta  de axudar aos teus veciños ¿verdade Tourís?.   
      Por certo desa época tamén recordo que Tourís, para evitarse posibles rivais e alternativas a súa figura (como o foi el mesmo de Tirado), optou, intelixentemente, por buscar un tenente de alcalde sen ningunha aspiración política, nin capacidade  algunha nin ansias de disputarlle o trono cambades ............. a afortunada foi Rosa Oubiña, mellor elección imposible.       
Tamén recordo desa época o seu especial apego, primeiro, a Manuel Fraga e posteriormente a Feijoo, xa fose na Festa do Albariño ou coa escusa de calquera sarao  ou inauguración que  se levase a cabo e que, sen dúbida, influíu para  colocarse na  mellor posición de cara a progresar dentro do partido como posteriormente se vería o ser elixido Delegado Provincial da Xunta na provincia, e xunto co ínclito Rafael Louzán, presidente da Diputación, erixíronse como  unha especie de  Rómulo e Remo o fronte  desta particular Roma que é Pontevedra. 
      Iso si, antes de irse, Tourís tivo, a precaución de colocar a alguén que lle gardase o sitio (por si  a súa carreira autonómica non era o suficientemente longa xa que sempre cabe a posibilidade de que volva   a gobernar o bipartito )  e que, sobre todo, como no caso de Rosa Oubiña,  non lle puidese facer sombra co que,   para alegría do interesado   e desgraza dos cambadeses, tal honor recalou no insigne Luís Aragunde.
exalcalde de Melide
      Por certo a raíz das citadas declaracións do ex alcalde de Melide e respetando sempre a presunción de inocencia a que ten dereito o Sr. Tourís, no hipotético caso de que fosen certas, virían a corroborar o papel de “chico de los recados” que sempre amosou  ter o actual alcalde  Aragunde, pois demostrarían quen segue a  gobernar realmente Cambados; aínda que sendo xustos, Aragunde, si que ten algo de autoridade, ten a autoridade (e  a cara ) de pasarlle dietas de comidas ao concello por mais de 8.400 euros en apenas catro meses ou, peor aínda, mais de 3.700 euros en apenas dez días  (“hai que recoñecer, Luís, que non lle saes nada barato ás arcas cambadesas”) 
      Pero podes estar tranquilo, Tourís,á fin e ao cabo ¿quen é o xornal  “El Pais”? ........... so   é o xornal mais lido da prensa nacional con case dous millóns de lectores  na súa edición impresa  (datos da segunda oleada do EGM de 2012) pero iso non lle garante a verdade absoluta ¿verdade Tourís?.
      Como se di nestes casos deixemos que a xustiza faga o seu traballo e poña algo de luz neste caso,non xa por Tourís, senón  polo ben  do nobre nome do pobo de Cambados. 
      Un saudo a todos.                                                          RICARDO DOMINGUEZ REY

Ningún comentario: