18 de mar. de 2013

VAISE O MESTRE, PERO SEMPRE QUEDARASE O CRACK

(UNHA HOMENAXE A  “DOMIN”)
POR RICARDO DOMINGUEZ REY
      Xubílase Xosé Manuel Domínguez Sánchez  “Domin”  é hai poucas cousas del, todas positivas,  que se poidan dicir que non se dixeran xa, dende que soubo que daba este paso. 
      Aparte do obvio (como que ten un apelido a mar de  chulo) a mellor maneira de describir quen é “Domin” penso que é contarvos unha anécdota que  resume toda a súa esencia:
      Eu fun un dos primeiros alumnos que tivo a sorte de  que “Domin” lle dera clase, ala polo ano 1980 (como  anos despois tamén lle daría a Manolo e Toño, os meus irmáns); cando xa levaba de mestre uns cantos anos no colexio de Santo Tome, e a raíz dunhas charlas que ía tendo cos distintos pais dos alumnos, tocoulle ir falar á miña nai. “Domin”, por entonces,  xa era  moi coñecido en Cambados, sobre todo,  pola súa faceta de animador en ese grupo de benditos tolos que formaron no seu dia “Unha Grande Chea” e a  miña nai cando os vía pola rúa, pensaba (como pensaban outros moitos  pais), en mans de quen carallo estaba a educación dos seus fillos; por tanto, con eses antecedentes, non lle facía ningunha  graza   ter que ir a  á charla. 
      Chegou o dia, e podo xurarvos sobre a tumba dos meus antepasados, que nunca un mestre,  causoulle tan boa impresión a miña nai como “Domin”; chegou a casa, sorprendida do grado de  atención, educación e  a profesionalidade que demostrou  en dita  reunión.
      Ese é quizais o trazo mais característico  deste home, esa dobre personalidade; “Domin” é unha especie de Dr. Jekyll and Mr. Hyde; como mestre é un profesional como a copa dun pino, con el  tivemos a sorte de aprender, entre outras moitas cousas, a importancia da educación física, o “mens sana in corpore sano” que dicían os clásicos e que, ata a súa chegada, pouco mais que consistía en correr dando voltas ó campo de futbito........, pero ¡ai! cando deixaba os libros, e salia de esmorga ou nas festas sinaladas, sobre todo, no Entroido e o Albariño, entón espertaba esa besta que levaba dentro, unha besta  da “camadería”, a alegría  e  a confraternidade  que contaxiaba a todos e xa forma parte da memoria colectiva de moitas xeracións, incluída a miña.
      Xubílase “Domin” pero, francamente, non mo imaxino apoiado nunha valla vendo as obras  ou dando de comer ás pombas no parque coma fan moitos   xubilados ao uso, penso que seguira sendo o mesmo; é mais, imaxínoo dentro  de quince ou vinte anos igual de festeiro, igual de “amigo dos seus amigos”, intentando ser arrastrado para casa polos netos con frases do tipo: “avó que xa non está para estes trotes” ou “avó que xa non son horas”..... xente como “Domin”  son “xenio e figura ata a sepultura”.
      Xubílase un gran mestre, deixa un profesión que a sociedade, en moitas ocasións,   no sabe valorar na súa xusta medida, unha profesión que ten a gran responsabilidade de formar os que serán os homes e a as mulleres do dia de mañá. 
      Eu cando “Domin” me dou clase, aínda non sabia que quería ser de maior pero eu coma moitos dos meus compañeiros, tiña claro que cando fose maior quería parecerme a “Domin”. Este home tiña ( e segue a ter ) unha personalidade magnética, unha filosofía da vida como vin en poucas persoas. 
      Xubílase unha gran cambadés, si, cambadés porque aínda que “Domin” é palense (e exerce coma tal) , Cambados débelle tanto o mais que Palas de Rei, o como di o dito “un non é de onde nace senón de onde pace” e “Domin” leva pacendo con nos  moito tempo.  
      ¡Grazas mestre! en nome de moitos que nos gustaría estar na túa homenaxe e non podemos, grazas como de seguro te darán moitos e grazas en nome de moitos que, por desgraza, xa non están neste mundo.  
  RICARDO DOMINGUEZ REY
      
      

Ningún comentario: