22 de abr. de 2013

CAMBADESES QUE CONQUISTAN O MUNDO: OSCAR PARDO PLANAS

RESIDE EN Stillwater, Oklahoma.
Este blog quere comezar unha nova sección que imos chamar “CAMBADESES QUE
CONQUISTAN O MUNDO”, como non ia a ser menos queria comenzar esta entrevista cun ser para min especial, Oscar Pardo Planas el foi o promotor a “alma mater” da movida de internet en Cambados e resulta un ser encantador en todos os sentidos, bueno menos o íntimo que eso deixollo para quen corresponda. Dende aqui pidovos a todos se tedes un familiar ou amigo “polo mundo adiante” mo fagades chegar para eu mandarlle a entrevista, imos todos a emocionarnos con elas, xa o veredes. Bueno aqui está a de Oscar.

DATOS PERSONAIS
NOME E APELIDOS: Oscar Pardo Planas
DATA DE NACEMENTO: 6 de Xullo de 1988
LUGAR DE CAMBADOS ONDE RESIDIAS: O Pombal (Fefiñáns)
TRABALLO QUE REALIZAS: Enxeñeiro investigador na Oklahoma State University. Facemos investigación sobre biocombustibles a partir de biomasa (por exemplo, residuos agrícolas ou forestais).
ESTUDOS: Enxeñaría Química
ESTADO CIVIL: Solteiro
PAIS NO QUE RESIDES: Estados Unidos
CIDADE NA QUE RESIDES: Stillwater, Oklahoma.
ENTREVISTA
- Canto tempo fai que estás fora de Cambados? 
- Marchei a comezos de ano, polo tanto levo  pouco máis de catro meses.
- Cal foi a razón primordial da túa marcha? 
- Varias. A máis determinante é que non atopei nada ao rematar a carreira e fun ampliando o “radio de acción” no envío de currículums. Ademais, considero que é unha moi boa oportunidade desde o punto de vista profesional, o poder facer investigación nunha universidade americana. Aínda así, coido que é un verdadeiro problema que teñamos que vernos forzados a marchar... se o fixeramos unicamente por vontade estaría ben, cando non hai alternativa xa é outro conto: somos expulsado. E nun país como Galiza, envellecido, que a xuventude marche é aínda máis grave se cabe.
- Custouche moi amoldarte a tua nova vida? 
- Si e non. Si porque boto de menos moito á xente coa que máis estaba nos últimos meses en Cambados (pais, irmá e sobriña, amigos, coñecidos...) e porque esta é unha cidade moi pequena. Ademais o ritmo de traballo é moi intenso, e logo de estar durante meses desempregado foi un cambio. 
E non, porque a forma de vida americana non está tampouco a anos luz da europea...si que hai cambios pero non é un choque cultural, sobre todo porque o meu último ano de carreira foi en Utah. Aínda así a forma de vida non é a mesma, non se socializa da mesma maneira que alá. Por exemplo, aquí non existe iso de ir tomar uns viños/cervexas á tardiña e atoparse con outra xente.
- Segues a actualidade da tua vila? 
- Si, sempre e cando teño tempo sígoa. Como sabes, até que marchei levaba case oito anos publicando en Cambados(tk), co cal tiña xa o costume de revisar cada día o que vai pasando en Cambados. A diferenza é que agora non escribo sobre elo, pero sigo tentando manterme informado cando me chegan as horas do día. 
- Normalmente porque medio de enteras do que pasa en Cambados? 
- Primeiro polos meus pais, cos que falo case que a diario e coméntanme cousas máis do día a día, que ao mellor non son noticia pero que son importantes. En internet vou lendo todos os blog que hai, a través de Asoblog, especialmente o teu (A ti meu Cambados), o de Isma (Vivir en Cambados), o de Valentín (Dos Vueltas de Tuerca), e todos os demais, aínda que sexan temáticos. E logo os tres xornais da comarca, Voz, Diario e Faro. Aínda que con este último atópome moi cabreado,xa que me enterei de que acaban de despedir a JL Oubiña, un magnífico profesional, e aínda por riba cunha razón totalmente irreal e insultante, que os retrata: disque non traballaba. Para moitos JL Oubiña foi durante anos a cara do FdV na comarca do Salnés. Ninguén e menos el merece ese trato.
- Como se ve de onde ti estas a situación política e económica do noso pais?
Vese moi mal. A xente pregúntame sobre España (aínda que agora os máis cercanos xa comezan a cambiar o chip e falan de “Galisia”) e interésanse pola taxa do paro. “É certo que é do 15%?”, din, alucinados. Cando lles dis que non, que é máis alta, e que a dos xóvenes está polo 50% dinme que non entenden como non houbo unha revolución ou algo polo estilo. Ás veces iso mesmo me pregunto eu. Será porque como dicía Castelao, emigramos?
- Tes pensado volver? (Se a resposta é positiva: a longo, medio ou curto prazo)
- A resposta é positiva, teño pensado volver, claro que quero volver! Aínda que en principio pode que estea aquí unha tempada. Mais nunca se sabe o que pode pasar, para empezar, coa inversión en investigación (xa que nos EUA tamén a están a reducir e o meu posto depende de finanzamento público) e para seguir a nivel persoal e de traballo. Veremos! De momento estou aprendendo un montón.
- Como levas o da morriña?
- A morriña nunca se leva ben! As primeiras semanas moi mal, agora vai acougando, pero sempre está aí, coma un pouso. Boto moito de menos ás persoas que xa mencionei, boto de menos pasear e xogar coa miña pequena sobriña Clara; vela de cando en vez por Skype está moi ben pero non é para nada comparable.
- Segues en contacto cos teus amigos de Cambados?
- Por suposto. É estraño. Somos un grupo que quizais non falamos demasiado cando estamos lonxe, temos vías de contacto, imos sabendo da vida dos outros. Pero tamén sabemos que cando volvemos a relación entre nós é exactamente a que deixamos ao marchar, e iso é moi moi importante. Hai algo que teño claro cada vez que estou fóra: aínda que seguise percorrendo o mundo non atoparía amigos mellores.
Un foto de arquivo no albariño
- Interesaste pola política do pais ou lugara onde resides?
- Máis ou menos igual que cando estaba en Cambados. Leo sobre o que vai pasando en EUA, pero a política aquí aínda está máis alonxada da realidade dos cidadáns que a nivel de España. A nivel federal é basicamente pura mercadotecnia e a política fanna os lobbies ou grupos de presión. Parece que na UE camiñamos cara ese modelo, cada vez máis alonxado da cidadanía e onde unha minoría impón, moitas veces sen lexitimidade democrática, o que temos que facer. E, casualidade!, adoita ser en beneficio da minoría e contra o común dos mortais. Por iso fai falla que nos impliquemos e fagamos virar esta tendencia.
- Que botas de menos do que facias en Cambados normalmente? Aparte da tua familia, a quen botas de menos de Cambados?
- Aos amigos, obviamente. O Rif, as noites de terraza ou interior nas que tantas cousas se xestaron e se xestarán. Non teño tempo a botar de menos Cambados(tk) porque estou algo agobiado, que senón igual xa estaba reabríndo a páxina hehe, pero si que boto de menos comunicar algo, como facía a través dela. Non soporto estar calado sobre todo co estado de podremia que se respira. Boto tamén de menos á xente coa que compartín loita política, fora nun lado ou noutro. E boto moito de menos atoparme pola rúa con tantos amigos e amigas e coñecidos e intercambiar unhas palabras ou simplemente saudalos. Son pequenas cousas do día a día que se botan moito de menos. 
- Que monumento de Cambados levarías para o lugar onde resides (só podes dicir un)?
- Vouche dar dous. Levaría durante unha tempada a Praza de Fefiñáns. O motivo? Non só porque me gusta, senón porque como en EUA non teñen apenas patrimonio histórico cuidan extremadamente ben o pouco que teñen. Un amigo americano que me visitou o pasado verán sorprendeuse cando chegamos a Fefiñáns (xuro que non lle dixen eu nada), miroume e preguntou...pero de verdade que pasan coches por aquí? Pois iso, traeríame a Praza e nun mes igual vola devolvía libre de coches. É unha das cousas que o Partido Popular de Cambados leva toda a vida negando contra todo sentido común.
O segundo, aínda máis de broma... aínda non teño claro que sexa monumento. Pero como é unha estatua podería colar. Levaríame a estatua de Fraga e así libero ao pobo de Cambados de tan triste carga aínda que a tivera que sufrir eu. Estou disposto a asumir esa carga :D 
- Contame o que fas nun día normal (hora de levantarse traballo, xantar, cea,)?
Levántome sobre as 7 e vou ao traballo. Dependendo de se estou no medio dun experimento ou non vou ao edificio dos laboratorios ou a onde está a miña oficina. Sobre as 12 cómese, adoito comer fóra (se hai sorte con algún compañeiro) porque doutra forma sería complicado que me dera tempo. Logo a xornada dura até as 5. En teoría, claro. Ata agora no meu tempo libre apenas tiven tempo máis que para ler/facer cousas relacionadas coa investigación que facemos aquí. Sobre as oito ceo e tento ir a cama antes de medianoite. Todos estes horarios cambian se hai un experimento en curso, xa que entón eles controlan a nosa vida ;)
- Que fas normalmente o fin de semana ou no teu tempo de lecer?
- Non tiven moitos fins de semana totalmente libres, o máximo que fixen foi achegarme até Oklahoma City a visitar a cidade (que non ten moito que ver, que digamos), visitar un museo, o Capitolio, ou ver un partido da NBA (os Thunder xogan aquí). En Stillwater non hai demasiado que facer aparte do traballo; a vida social que fago é quedar a cear ou tomar algo con compañeiros do laboratorio ou cun grupo xeitoso de españois que están aquí como estudantes de intercambio. Pouco máis.
- Cale a festa que mais botas de menos de Cambados? 
- Pensando xa no verán que se aproxima, o Albariño. É para todos os cambadeses xóvenes unha cita case obrigada, tamén para moitos non-tan-xóvenes, e este ano vou quedar sen el.
- Hai centro galego ou español onde ti resides?
- Que eu saiba non.
Por último, di o que che pete:
Gustaríame enviar unha aperta grande a toda a xente de Cambados, e darche os parabéns por iniciar esta nova sección, coa que podemos coñecer onde andan e que fan outros cambadeses. 


ENTREVISTA RÁPIDA:
Politico o que admirasXosé Manuel Beiras Torrado, desde que son pequeno. É todo un regalo que agora volva a estar “de moda”. É dunha calidade intelectual e política moi moi superior ao que estamos acostumados. É unha mágoa que non fora Presidente de Galiza.
Admiro a moitos políticos a nivel local, ou máis ben “políticos”, porque non teñen nada que ver co que pensa a xente cando oe falar de políticos. Son xente que dá a cara por aquelo que cre que é xusto, que invirte o seu tempo persoal no ben común. Teño moitos nomes en mente, algún que está a día de hoxe na corporación. Pero entre eles podería resaltar a Xoán Antonio Pillado. El e XM Beiras, que son formas diferentes de facer política, foron referencias para min e atraéronme á política desde moi xoven.
Persona histórico ou actual o que admiras:Admiro a toda a xente que, como xa dixen, invertiu tempo polo ben de todos. Sexan “famosos”” ou non. Estes días estivo de novo en primeira páxina o tema do narcotráfico (por un desgrazado motivo que a moitos nos fai avergoñarnos do presidente do goberno galego); pois eu admiro ás persoas que levaron adiante Desperta Cambados na nosa vila, que siguen a ser exemplo de dignindade hoxe. Tamén está nas portadas dos xornais o asunto dos desafiuzamentos...¿Como non vou admirar aos que están loitando civicamente (por moito que algunhas mentes “brillantes” os tachen de terroristas) ante o monumental roubo que están –e estamos- a sufrir? E podería seguir dando exemplos de grupos de persoas ás que admiro, afortunadamente aínda quedan moit@s.
Deporte preferido:Gústame xogar ao tenis, pero non me apaixoa mirar ningún deporte na tele.
Practicas algún deporteAgora mesmo non, adoitaba xogar a tenis e nadar. Debería retomalo, e máis porque aquí temos unhas instalacións deportivas moi boas.
Viño preferido: Mencía e albariño 
O teu libro preferido:  Granxa Animal, Sempre en Galiza, O señor dos aneis...
Que libro estás lendo na actualidade:  “De biomasa a enerxías renovables” hehe, é triste pero teño paralizada a lectura “normal”.
En que centro fixeches primaria: Santo Tomé
Foches o instituto en Cambados, a cal?  IES Asorey
Se fixeches estudos universitarios , onde os realizaches?  USC, con estadías en Dinamarca (DTU) e EEUU (U de Utah)

Mitas grazas a Oscar por respostarnos a entrevista e recibe unha abrazo e moita admiración dende Cambados.


Por certo xa temos preparada para a semana que ven a seguinte, o personaxe en cuestión está en Perú. 


Ningún comentario: