5 de abr. de 2013

O BNG DE CAMBADOS AMOSA NOVAMENTE A CARADURA MENTIREIRA DE LUIS ARAGUNDE

ASEMADE O BNG PIDE QUE LLE FAGA ENTREGA DE COPIA DO OFICIO RECIBIDO DO XULGADO DE ARZUA.
Fai uns días os grandes medios de Arousa, Diario de Arousa, Faro de Vigo e A Voz de Galicia, publicaron a bombo e platillo palabras de Luis Aragunde dicindo que non ia a haber comisión de investigación sobre o caso Touris e que o BNG tiña a súa disposición o expediente das famosas comisións extras de Touris. 
Ben onte mesmo Víctor Caamaño Rivas, portavoz do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego, presentou un escrito amosando que Luis Aragunde volve a mentir xa que non se comunicou con esta forza para poñer ningún expediente a súa disposición, os medios citados ben podian chamar a Victor para confirmar  tal extremo pero non o fixeron, Victor dicia no seu escrito que o pasado día 26 de marzo de 2013 (rexistro de entrada nº 2013/1690) o grupo municipal do BNG solicitou a creación, neste concello, dunha Comisión de Investigación sobre o caso (investigado polo Xulgado de Arzúa) de posibles cobros de comisións ilegais polo que fora alcalde e, actualmente, Delegado Territorial da Xunta, o Señor Cores Tourís. 
No citado escrito se solicitaba ao Alcalde (textualmente): “novamente, que o concello que vostede preside constitúa, urxentemente, unha Comisión de Investigación na que estean presentes membros de todos os grupos políticos que forman parte da corporación municipal, de xeito que con ela se transmita  a mensaxe contundente á cidadanía de que desde a alcaldía do Concello de Cambados se fará todo o posible por aclarar e solucionar, con premura,  este caso”. 
Esta solicitude, como outras feitas polo BNG, aínda non ten contestación formal, por escrito (nin de palabra, nin por teléfono), como é obriga do Alcalde. No BNG son  coñecedores de que Luis  facilitou unha “especie” de contestación, á solicitude do BNG, aos medios de comunicación; contestación que non lles convence e que non lles parece formalmente seria por tratarse, este, dun tema extremadamente grave e  importante. Un tema que requeriría unha resposta contundente que, semella, Luis Aragunde non está disposto a dar. A día de hoxe non saben no BNG se as manifestacións de Luis Aragunde  nos medios de comunicación, con respecto á solicitude do BNG de crear unha Comisión de Invesigación sobre este caso, as considera unha resposta oficial e, polo tanto, deben presentar no concello cunha fotocopia dalgún dos xornais onde apareceu ou se o Alcalde se dignará, algún día, a dar unha resposta oficial e por escrito á solicitude do BNG, polo que os nacionalistas solicitan  novamente, que o concello que Luis preside constitúa, urxentemente, unha Comisión de Investigación sobre o caso referido no escrito do día 26 de marzo de 2013 (rexistro de entrada nº 2013/1690). 
No caso de que Luis Aragunde denegue a anterior petición, da creación da citada comisión, solicitan ter acceso a toda  información de que dispoña o concello sobre o caso Excamel, incluído o oficio do Xulgado de Arzúa no que solicita a documentación ao concello de Cambados para instruílo, así como,  a documentación enviada a dito xulgado a tal efecto.

Ningún comentario: