18 de xuño de 2013

O XUVEN PODERIA TER QUE RENUNCIAR A XOGAR NA LEB PRATA POR FALTA DE PRESUPOSTO

¿HAI DEREITO A ELO?
 POR RICARDO DOMINGUEZ REY
      Persoalmente eu sempre tiven a Jorge Castiñeiras por unha persoa moi seria, por iso, por unha soa vez, teríame gustado que non fose así, que fose, en realidade, un “cachondo mental”, un “guasón” e que, o que me estaba a contar o outro dia, fose soamente unha broma pesada, desgraciadamente, temo que non é así. 
     
Vaiamos por partes, en concreto preguntáballe ao presidente do XUVEN como ían  as xestións para acadar o presuposto necesario para poder disputar a competición na LEB Prata e, dende logo, non espera tal resposta: o bo de Jorge díxome que polo visto a cousa non podería saír adiante por moi pouco: falta sobre un 30 % do presuposto, porcentaxe que debería de saír do sector privado e, polo visto, non está atopando os apoios suficientes entre dito sector; en concreto, díxome unha frase que reflexa ata que punto se atopa o seu actual estado de animo: “esta semana se sabrá si salimos o no , pero todo lo optimista que era hace dos días , lo soy ahora de pesimista púes no se está aprovechando el momento , luego vendrán otros  y nos lamentaremos ....”.
     
Non sei que pensaredes vos, queridos amigos, pero eu, sinceramente, creo que se está a perder unha ocasión única, un abanico de posibilidades, todas favorables, non só para o club, senón tamén para o pobo e toda a súa  comarca. 
      Xa sei que estamos a vivir un período de crise, unha crise brutal que se está a cebar con todos os sectores produtivos pero a ocasión de ter un equipo dun deporte tan popular  como o baloncesto, xogando nunha categoría nacional debería facer reflexionar  a todo o mundo e, dende logo, non teño dúbida de que  xa lle gustaría a moitos pobos e vilas, poder gozar da oportunidade que se lle brinda a Cambados. 
     
Como ben dicía  Jorge, o sector empresarial é fundamental  para lograr este fin, en concreto, sinalaba o sector vinícola, cousa lóxica pensando que nos atopamos no corazón da denominación de orixe “Rias Baixas”, de feito se acudides ás hemerotecas dos distintos medios (Faro de Vigo, La Voz de Galicia, Diario de Arousa etc.) e ledes as crónicas dos partidos do XUVEN, en numerosas ocasións a forma de referirse a este é como “o club da capital do albariño” ¿por que non oficializar esa relación mediante un patrocinio ou calquera outra forma de relación publicitaria? En Cambados están, probablemente,entre outras,  as dúas marcas mais fortes de este excepcional viño, Martín Codax e Condes de Albarei, e ambas marcas teñen unha couta de mercado importante ao longo de todo estado español, o mesmo territorio onde xogará o Xuven a súa competición; ademais o binomio baloncesto – viño, e unha relación que  está xa presente na ACB (a máxima competición do baloncesto en España) a través dun histórico como é o Blancos de Rueda Valladolid ( o antigo Forum Filatélico) e, o que é mais importante, parece ser que a relación beneficia a ambos. 
   
  Ademais ambas marcas, Martín Codax e Condes de Albarei, xa demostraron  o seu apoio ao mundo do deporte en modalidades como a vela (Martín Codax) ou o golf (Condes de Albarei), sinceramente penso que o XUVEN tamén merecería un voto de confianza por parte de estas empresas.
      Outro sector que tamén, sen lugar a dubidas, se beneficiaria da presenza do XUVEN na LEB Prata é o da hostalería  porque, sexamos francos, non é o mesmo que o noso club compita contra equipos  de Marín, Ourense ou Ferrol, equipos que van e veñen no mesmo dia a que compita con equipos de Euskadi, Catalunya ou Andalucía, conxuntos  que, necesariamente, teñen que pasar a noite, e, polo tanto facer uso de hoteis e restaurantes ¿ninguén pensou tamén no beneficio económico  que repercutiría na nosa vila?
   
  Outro aspecto que tamén se debe destacar é o da promoción turística que para Cambados e a súa comarca tería que o XUVEN xogase na categoría nacional porque, pensade por un momento, se os dixesen  que este fin de semana o equipo ten que xogar en Castellón ou en  El Prat de Llobregat  , ¿non vos entraría a curiosidade por saber como é dito sitio? e, incluso, en caso de poder coller un fin de semana longo ¿por que non aproveitar para acompañar ao equipo para animalo e, de paso, facer algo de turismo? Pois iso mesmo poden pensar os afeccionados do “Amics Castelló” ou do “Prat Joventut” cando teñan que acudir ao pavillón do Pombal como visitantes; sen lugar a dubidas, o XUVEN pode ser un embaixador excepcional para promover non so Cambados senón, tamén, todo o Val do Salnés.
     
Chamádeme iluso pero  penso  que os motivos  que veño de enumerar son razóns de peso  suficientes  para facer todo o posible para que o XUVEN xogue na LEB Prata e, penso, que  Concello e a Deputación tamén teñen algo que dicir en todo isto. Xa sei que ambas institucións están apoiando economicamente ao club pero que pense o concello de Cambados que o XUVEN é un dos nexos de unión de todos os cambadeses, da igual que sexan de esquerdas ou de dereitas ou que sexan de Santo Tome, Fefiñans, Castrelo ou Corbillón. Todos sentímonos representados por eses cores, incluso os que, coma eu, estamos fora. 
      En canto a Deputación de Pontevedra, moitos non poderiamos entender que non tivese  reparos en gastar un millón de euros en traer a selección española de fútbol para un partido de 90 minutos contra unha selección de segunda categoría o pasado mes de setembro e agora non investise unha cantidade moitísimo mais  inferior en axudar  a un dos equipos mais representativos da provincia. 
      O XUVEN merece xogar na LEB Prata, primeiro porque o conseguiu, de forma brillante na cancha e segundo porque o merecen o presidente, a directiva,o equipo e, fundamentalmente, toda a súa afección, esperemos que ninguén lles quite ese sono.   
      
   
  UN SAUDO A TODOS E FORZA XUVEN
      
                           RICARDO DOMINGUEZ REY

Ningún comentario: