29 de xul. de 2013

CONTO DE VERAN: “A MALDICION DA ESTATUA DE FRAGA”

POR RICARDO DOMINGUEZ REY
      Vou confesarvos algo, é  un segredo celosamente gardado durante séculos e que a min contoume un canteiro no seu leito de morte: as estatuas teñen espírito,  é verdade,  aínda
que pensedes que son unha mera  representación inerte en pedra, ferro, madeira ou calquera outro material dun personaxe, ficticio ou real, crédeme, estades moi equivocados. 
      Cando un escultor comeza a moldear unha estatua, antes  de que estea rematada o seu espírito xa esta formado e comeza a vagar, á espera de que finalice o que será o seu habitáculo físico, aínda que sempre que queren poden abandonalo e regresar ó mesmo cando lles pete.
       Evidentemente os humanos non os podemos ver pois son iso,  espíritos, pantasmas que están no noso mesmo entorno,  testemuñas  do que facemos as persoas de carne e oso  i, en ocasións, o centro da súa atención.      
      
      Unha mañá fría de marzo do ano 2012 atopábanse, no entorno da Torre de San
Saturniño, os espíritos das estatuas de Don Ramón Cabanillas, de Don Francisco Asorey, o da estatua do rañeiro que se atopa nos xardíns da Calzada e o da estatua de Baco de Leiro.  Acostumaban a  atoparse en distintos puntos de Cambados e falar do divino e do humano e dos últimos “disques” que  circulaban polo pobo, aínda que aquela mañá non tiñan ningún tema, en especial,  de que falar e entretíñanse vendo pasar ás mariscadoras que ían a traballar para o Sarrido.   
      De repente o espírito da estatua de Baco, levantou a mirada e dirixiuna a ponte que une a Torre de San Saturniño co barrio de Santo Tome,  os catro viron o espírito dunha estatua que non atinaban a  saber  a quen representaba, este achegouse a eles e saudounos cun “Bos días” atrónante e cunha voz  que lles resultaba estrañamente familiar. 
      O espírito da estatua de Asorey, tras devolverlle o saúdo, preguntoulle intrigado quen era
e este respondeulle: 
- “Son o espírito da próxima estatua que se erixirá en Cambados, actualmente  en fase de proceso no estudio de Lucas Míguez, e que se espera que se inaugure na próxima festa do Albariño”

O espírito da estatua do rañeiro (que era moi “cachondo” , todo hai que dicilo) preguntoulle: 
- “¿E a que se debe que o pobo de Cambados lle dedique unha estatua a Marlon Brando? ¿ e quizais porque as actitudes mafiosas do alcalde lembran moito ao papel que ese actor fixo na película  O Padriño” 

- “¡Eu non represento a ese actor,  eu represento a  Manuel Fraga Iribarne” dixo claramente  indignado o recen chegado.

   O espírito da estatua de Baco, botou unha enorme gargallada e, sinalando o tonel de viño que levaba  baixo o brazo, dixo: 
- “Paréceme a min que  Lucas Míguez bebeu unha boa cantidade do liquido que levo eu aquí cando te estaba modelando porque dicir que ti te pareces a Fraga e como dicir que Louzán  parécese a Robert Reford nos seus anos mozos”. 

 
 Os espíritos das estatuas de Baco e o rañeiro partíanse o cu de risa, mirando para o recen chegado, mentres que o espírito   da estatua Asorey, preguntábase  intrigado en que carallo estaba pensando o seu colega de oficio, Lucas Míguez, cando se puxo  a facer a estatua, supostamente,  de Manuel Fraga; de repente, o espírito da estatua de Don Ramón Cabanillas, que ata entón, permanecera  calado, observando con esa mirada tranquila e pausada tan característica , toda a escena, falou:   
- “E a que se debe  que tanto honor  recaia  en Cambados para ser agraciado cunha estatua de Fraga Iribarne” dixo Don Ramón  con unha manifesta  e clara retranca.


- “¡Pois que eu fixen moito por Cambados e a Festa do Albariño!” respondeu con impetu e enerxía o  espírito da estatua de Fraga, aínda que no aspecto non se parecía ao ex ministro franquista o carácter, dende logo, era o mesmo.
   
- “¿Que fixeches moito por Cambados e a Festa do Albariño?” preguntou  Don Ramón e a continuación engadiu:  “basicamente fixeches o mesmo que fai todo o mundo que se achega a Cambados, comer e beber en abundancia, a diferenza e que, no teu caso, pagárono tódolos cambadeses, iso si acompañado por todo o séquito de palmeiros e lamecús do PP da zona,  ¡vaia  méritos para que che fagan unha estatua!

O espírito da estatua de Fraga botou unha gargallada para dicir a a continuación: 

- “Pois mal que vos pese compartirei o mesmo honor que  vos de ter una estatua no pobo”. (Definitivamente o espírito da estatua de Fraga, herdará o carácter e o “veneno” do personaxe no que se inspiraba.)

   Ó escoitar aquilo o espírito da estatua do rañeiro non puido resistilo mais,  colleu a vara que levaba e largoulle unha golpe que lle impactou  en toda a cabeza e seguiría así de non ser que o agarraron de inmediato os espíritos das estatuas  de Asorey e Baco, o espírito da estatua do rañeiro estaba fora de si: 
   
- “¿pero ti quen te cres, desgraciado?  ¿non tivemos bastante en aturarte en vida que tamén vamos ter que aguantarte  despois de morto?, ¡vaite onde te che queiran, mamón! “ .  

   Tras tranquilizar ó espírito da estatua do rañeiro e mentres o espírito da estatua de Fraga
recuperábase da boa hostia que recibirá, os espíritos das estatuas de Don Ramón Cabanillas e Baco, apartáronse un momento do resto e falaron entre eles, estaba claro que non podían aturar que o bo nome de Cambados se manchara erixindo unha estatua a tan sinistro personaxe,  e tras un bo rato, volveron ó grupo e Don Ramón falou: 
   
- “Esta claro que fisicamente non podemos facer nada para evitar que Cambados teña a desgraza de sumarse ó mapa dos sitios que erixen estatuas a personaxes fascistas  pero dende este momento te maldicimos, maldicimos  aos que tiveron a dañina idea, aos que a promoveron e aos que estean presentes na túa inauguración. Sempre estarás envolta na controversia, a túa estatua mais que unir separará a tódolos cambadeses, sempre estarás unida a mentira, mentirase sobre a túa autoría e ata na data da túa inauguración; a túa estatua será diana de escarnio e pintadas e moveraste mais de sitio que moitos humanos e,   por suposto, nunca serás aceptada no noso grupo, nos  catro representamos, por un lado, a cultura cambadesa:  literatura e escultura,  e por outro, a
base  da súa economía: pesca, marisqueo e albariño........¿que representas ti para Cambados? absolutamente nada , so manchar o nobre nome do noso pobo, esperemos que non dures moito” e dito todo iso desapareceron as catro, deixando so ao espírito da estatua de Fraga.............

   O resto da historia xa a coñecedes todos, a maldición comezou a cumprirse dende o primeiro dia que saíu a luz  que se estaba a facer a estatua, o alcalde que o levaba con todo segredo, mentiu atribuíndolle a súa autoría a un suposto “sector do viño” e mentiu ao pobo, sobre a data da inauguración da mesma; a estatua xa foi motivo de escarnio en dúas ocasións, aparecendo pintada de Superman e Batman, en canto aos que estaban presentes na súa inauguración a maldición, tamén comezou a  afectarlles un por un:  
   Tourís, superdelegado da Xunta en Pontevedra e con unha “traxectoria intachable” ata
entón veuse implicado nun asunto moi feo sobre o presunto cobro dunhas  comisións ilegais por unhas obras,  que investigaba un xulgado de Arzuá, cousa moi rara nun partido tan transparente como o PP e cuns tesoureiros tan honrados.
   Núñez Feijoo, presidente da Xunta, tamén presente na inauguración,  ese xenro que todas as nais lle gustaría ter, o compañeiro ideal para ir a “facer un buracos” ao campo de golf de Castrove, vamos,  un tipo “la mar de simpático” era, en realidad,  amigo dun dos mais grandes narcotraficantes da Ria de Arousa  e tal como segue a falar del, dito narcotraficante, parece que algo quedou. Núñez Feijoo dixo, na súa defensa, que no ano 1995 non sabia a que se dedicaba o seu amigo, parece ser que cando veu os coches de alta gama que tiña, a mansión que posuía e o iate onde se fixeron as fotos tan “entrañables” o, hoxe Presidente da Xunta, pensaba que, en realidade, o seu amigo era o  quinto membro dos “The Beatles” do que tantas veces se ten falado que existiu. 
   O ultimo en caer na maldición, tamén presente, na inauguración de tan  inmerecida estatua é  Abraham Olano ata entón un intachable ciclista, dobre  campión do mundo en ruta e contra reloxo  e flamante director técnico  da “Vuelta Ciclista a España” e que se acaba de descubrir que se dopou con EPO no Tour de Francia de 1998  e que supuxo a súa destitución no cargo. .....”Ai Ai Olano quen che mandaría deixar que Aragunde che puxese a capa do albariño non ves que están gafados!” (nota do autor). 
   
   Seguiremos pendentes do como a maldición  vaise manifestando no resto dos que aplaudiron a inauguración da estatua, o único, que por agora parece inmune a tal maldición é propio alcalde, quizais porque el en si xa é unha maldición para o pobo ¿como se pode maldicir  a alguén que en si sa xa representa o peor que pode teren en si a política municipal:     as súas mentiras, a súa actitude chulesca cos partidos da oposición que representan a unha parte importante da poboación de Cambados e, en definitiva, a súa forma caprichosa e parcial de dirixir o concello fai que nin o propio demo se subise do mesmísimo  inferno quixese atribuírse tal xestión.     
   

      UN SAUDO A TODOS. 
   
                                 RICARDO DOMINGUEZ REY




      

Ningún comentario: