13/01/2014

EN RESPOSTA AOS COMENTARIOS DOS NOSOS “AMIGOS” “O ESCRIBIDOR” JOSE PEPE E O BLOG DO REXIMEN “VIVIR EN CAMBADOS”

POR RICARDO DOMINGUEZ REY
      Quería dedicarlle este primeiro artigo do ano ano 2014 a dous “amigos” que nas últimas semanas tiveron a ben
 mencionarnos, iso si, de forma velada e sen nomearnos
directamente e non son outros que   Jose Pepe e o blog  “Vivir en Cambados”. 
       Jose Pepe diríxese a nos, concretamente, no artigo “A modo de balance medio anual” de data 20 de decembro de 2013 en concreto cando di (cito textualmente):  
       “ (...) Rechazada, como es lógico, por quienes discrepan, según lo expusieron  en algún medio digital, lo
cual respeto. Lo que no puedo respetar es el insulto y la ofensa personal por parte de quienes no pueden decir que este ciudadano les haya tratado de igual modo; solo les mueve la diferencia ideológica y confunden el tocino con la velocidad sabiendo que la democracia consiste en el respeto mutuo, aunque les cueste practicarlo ”. 
      Vaiamos por partes, creo que a estas alturas da película hai poucas cousas que se podan dicir de  Jose Pepe que non se dixeran xa; tomeime o meu tempo para revisar todo o
que, tanto eu como os meus  compañeiros  Xaquín Charlín e Adela Estevez, dixemos sobre este ilustre “escribidor” e por mais que busco non sei onde está o “insulto” e a “ofensa personal”. Dende este blog, pola contra,  o que si fixemos foi destacar varios aspectos dos artigos de Jose Pepe: a supina ignorancia que amosa en moitos de eles, como, por exemplo, o de outorgarlle alma a un feto de 14 semanas ou o fanatismo  e o extremismo radical das súas crenzas e inclinacións políticas, que lle levan a atacar todo o que sexa ou aparente ser de esquerdas ; tamén destacamos, especialmente,  un artigo que rozou o delito, en concreto, o de data 29 novembro de 2013,  titulado “ Los malos tratos deben terminar”.
      Sexamos francos: o que lle molesta, realmente,  a  Jose Pepe é que todo o que  dixemos é totalmente certo, incluído o do funcionario, que coñecemos el e mais eu, que abandonaba o seu posto de  traballo para irse de viños e regresaba totalmente borracho; aquí, en todo caso se hai alguén que insultou e ofendeu  a moita xente foi o propio Jose Pepe, que tivo a desvergoña de chamar “privilexiados” aos funcionarios públicos; colectivo que, dende que  está o seu amado  Rajoy no poder,  leva sufrido un recorte nos seus salarios entre un 7 e un 20 % , amen de outros dereitos sociais (que non privilexios); por non falar doutro colectivo que sufriu  os insultos deste “señor”  como foron os estafados polas preferentes e que
cada Festa do Albariño protestan ó paso da comitiva  e aos que Jose Pepe chamou, nun dos seus artigos,  “grupo de energúmenos” e poderiamos seguir con mais e mais exemplos. 
      Despois  de ler e analizar detalladamente todo o que leva escrito,  podemos afirmar, sen medo a equivocarnos, que Jose Pepe é, basicamente, un  nostálxico; un nostálxico de tempos pasados; tempos nos que, cidadáns como este
individuo, adoitaban a dicir: “no sabe usted con quien está hablando” como si iso lles outorgarse unha categoría e un señorío do que, obviamente, carecen; quizais, por iso, unha das afeccións favoritas de Jose Pepe é a de poñerse na cola das autoridades en canta inauguración hai (como facía no seu tempo o defunto de “Xurroque” que en paz descanse), e, dese modo, aparte de “chupar cámara”, intentar convencerse a si mesmo de que é alguén importante; como, do mesmo modo, o de lembrarnos, nos seus artigos, a súa condición de (e cito textualmente): “hombre de derechas, católico y sentimental”; cousas que eu, dende logo, non vou a poñer en dúbida: o de
dereitas lévano demostrado sobradamente; o de católico pode dar fe a estatua de Balboas da praza de Fefiñans de   como domingo tras domingo, faga sol o chuvia, acude, relixiosamente, a misa de once polo que aproveito a ocasión e, si Jose Pepe lee isto, a que por favor teña a ben, algunha vez, rezar pola miña alma;  a alma, sen dubida, dun pecador, sobre todo,   no concernente aos pecados da carne e  condenado irremediablemente  ó inferno. Tampouco poñerei en tela de xuízo o de
sentimental: Jose Pepe ten o seu corazonciño, soamente hai que ver con que cariño, con que tenrura, con que paixón se dirixe, nos seus  artigos, a Rajoy, a Feijoo ou a ministra Ana Pastor..... ¡xa lle gustaría a moitos namorados ter  ese abanico de epítetos que amosa noso “escribidor” para expresarlle os seus sentimentos  ás súas amadas!.
      Seguiremos atentos o que escribe Jose Pepe aínda que sexa, unicamente,  para comprobar ata que punto pode chegar a cegueira ideolóxica e a ausencia de espírito autocrítico.

    Outro que tamén tivo a ben mencionarnos foi o blog  “Vivir en Cambados”, quen nun artigo de data 31 de decembro de 2013, tras repasar dito ano e informar que recibiu un total de 73.532 visitas, finalizaba con esta afirmación (cita textual):  “Sea como sea, lo que de verdad queremos es seguir demostrando que es posible construir en Cambados un proyecto de calidad en internet, respetuoso con todos, alejado del sensacionalismo y del escarnio público hacia las personas que viven en este pueblo”.        
 
    Pois ben dado que en Cambados somos tres  os blogs que se caracterizan polo seu espírito crítico e, tras falar cos seus correspondentes administradores, en nome deles e no meu quería facer unha serie de puntualizacións:
      En primeiro lugar quero felicitar ó blog “Vivir en Cambados” polo crecemento dun 81 % con respecto  ó ano anterior que menciona en dito artigo; como lector habitual que son  de dito blog nada que obxectar o respecto; a continuación, quero deixarlle claro ó administrador de “Vivir
en Cambados” que eu non lle vou dar clases de ética periodística, como el pretende darnos a nos e xa que  fala de datos obxectivos como son o numero de entradas quería comentar algo o respecto........
      Para empezar vou falar da que, sen lugar a dúbidas, foi a grata sorpresa do 2013 que  non é outro que o blog “Alzalavozcambados”, un sopro de aire fresco no mundo virtual cambades e  dunha calidade que xa quixeran para si moitos medios de comunicación tradicionais; este blog en pouco mais de 8 meses (apareceu a finais de abril) conseguiu mais de
Alza la Voz Cambados
126.000 visitas, destacando pola súa inmediatez en moitas novas, sendo en diversas ocasións o primeiro en informar do que acontece, o que o converte en punto de consulta obrigado para outros medios; moi recomendable, tamén,  a súa sección de opinión “La Escalinata”. Dubido que ninguén non coñeza xa dito espazo virtual pero de ser así, eu persoalmente recoméndovolo como un lugar imprescindible para estar o tanto de todo o que acontece en Cambados. 
      O segundo blog que quería mencionar é “Cores de Cambados”, un blog que mestura á perfección información, opinión e crítica, e cun  mais que aceptable numero de
Cores de Cambados
entradas a pesar  do “hándicap” que supón que varios meses ó ano permaneceu inactivo debido ós compromisos laborais do seu administrador; destacar deste blog o punto irónico e sarcástico de moitos dos seus artigos, onde retrata moi ben aos políticos e a “particular”  forma  que teñen de gobernar...... especialmente recomendables dous artigos  recentes que a min gustáronme especialmente: “¿morreu un demócrata?” e “Cores Tourís e Aragunde minten mais do que falan” 
      Finalmente mencionar este blog  “A ti meu Cambados”
cun dato que por si xa é bastante esclarecedor:  no ano 2013  o numero total de visitas  ascenderon a 336.943,  no meu nome, en calidade de colaborador e, sobre todo, na do seu administrador Xaquín Charlín “Chon” moitas grazas a todos;  grazas a todos os que, ben de forma habitual ou esporadicamente, entrades  neste pequeno recuncho para seguir a actualidade do noso pobo, o análise que da    mesma facemos ou, simplemente os desvaríos e reflexións duns servidores 
   
  O Blog  “Vivir en Cambados” fala de “sensacionalismo” e de “escarnio público” cando o maior escarnio, provén de individuos como o propio alcalde Aragunde que cada vez empéñase mais en tomarlle o pelo aos cambadeses;  como, por exemplo,  fai uns meses, cando intentando xustificar o inxustificable, dixo , ante o actual panorama de crise económica e o peche, dia tras dia de mais empresas que “as obras de ampliación do Polígono Industrial de Sete Pías é unha inversión de futuro” sinceramente, queridos amigos ¿non creedes que iso si é escarnio público?.
      O mesmo poderíase dicir en todo o relativo o asunto do Pinal da Maza onde se saltou “ a la torera”  toda a lexislación e a normativa simplemente por estar detrás quen
estaba.   
      Estes temas como outros moitos foron tratados polos blogs  mencionados, cunha visión crítica; crítica que, dende logo, non se aprecia no blog “Vivir en Cambados” quen , sen embargo, acúsanos a nos de sensacionalistas, simplemente por exercer o noso dereito de liberdade de expresión; como xa dixen, anteriormente, eu non lle vou dar clases de ética periodística,  pero os datos que veño de amosar demostran onde está un e onde estamos os outros. “Vivir en Cambados” optou por un liña “conformista” co poder establecido, polo visto todo o que fai o goberno local está
ben feito; non teño a menor dúbida de que “Vivir en Cambados” recibirá felicitacións  de xente como  a do alcalde ou do seu xefe de prensa, ao fin e ao cabo é o que buscan: medios afíns e dóciles; o  de que, tamén, estou seguro é que non recibiu  ameazas como si recibiu este blog e o seu administrador, a última,  o pasado 31 de decembro.     
      Aconséllolle a “Vivir en Cambados” que siga na súa liña editorial actual e non se preocupe tanto do que facemos os demais, nos dende logo preocupámonos ben pouco do que fai el. 
      Para rematar quero reiterar as miñas grazas, pola parte que me toca,  a todos os que ledes este blog, vos sodes o que o facedes realmente grande e as vosas opinións e comentarios son os que realmente nos importan. 
      

    Un saúdo a todos. 
      
                 RICARDO DOMINGUEZ REY 
           






FOTOS: GOOGLE.

Ningún comentario: