22 de xan. de 2014

O BNG DE CAMBADOS PRESENTA UNHA MOCIÓN CONTRA A SUBA NAS TRIBUTACIÓNS DAS PERSOAS AUTÓNOMAS E PEQUENAS EMPRESAS

PIDEN UN POSICIONAMENTO DO GOBERNO CONTRARIO A CALQUEIRA SUBA.
O BNG ven de presentar unha moción contra a suba nas
tributacións das persoas autonomas e pequenas empresas, para o seu tratamento  no Pleno de finais de febreiro.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A situación económica para moitas persoas autónomas e
titulares de PEMES é crítica. Sobre todo, persisten as dificultades para obter liquidez para a maior parte das empresas galegas (microempresas e pequenas empresas) para poder continuar realizando a súa actividade.
Esta situación vese agravada na actualidade pola política económica emprendida polo Goberno central, sobre todo por unha reestruturación financeira que non asegurou que os inxentes fondos públicos destinados ao apoio do
saneamento da banca tivesen como destino final os sectores produtivos, e dun xeito máis concreto polas últimas decisións adoptadas relativas ao incremento dos custos sociais, a través do aumento das cotizacións para autónomos e autónomas.
Así, o Goberno vén de aprobar un considerable incremento
das cotizacións mínimas para as persoas autónomas que contan con 10 ou máis persoas empregadas no último ano, que  representa unha suba do 22%, case 60 euros ao mes. A consecuencia directa desta medida será afondar no estrangulamento económico ás persoas autónomas e a emprendedoras. Ademais, o efecto indirecto será a destrución de emprego neste tipo de unidades económicas ao forzar a que sociedades deste tipo contraten
menos de 10 persoas.
Por outra banda, tamén se produce un incremento da base mínima para persoas autónomas, que é a cotización maioritaria en Galiza, que provocará un incremento de máis de 60 euros ao ano para as mesmas. 
Estas medidas aplícanse sen ningún tipo de diálogo co sector, como critican as principais asociacións de persoas
autónomas galegas e do Estado.
As implicacións desta suba das cotizacións serán a de dificultar a recuperación económica para persoas autónomas e pequenas empresas, mesmo contribuír a unha maior desaparición de pequenas empresas, mentres se limita a súa capacidade de xeración de emprego, principal problema económico en Galiza e no Estado.
Non ten sentido que se incrementen as cargas sobre estas
unidades económicas mentres se aumentan as axudas a grandes empresas, ao mesmo tempo que se manteñen sobre elas enormes vantaxes fiscais que impiden ao Estado manter políticas económicas anticíclicas.
Estas mudanzas prodúcense co suposto obxectivo de facer viable a Seguridade Social, que para o presente ano terá un
déficit de máis de 10.000 millóns de euros. Neste contexto, o conxunto de reformas que gravarán con máis cargas ás persoas autónomas terán un impacto de menos de 1.000 millóns, polo que non contribuirá a resolver este problema ao mesmo tempo que provocará nefastas consecuencias para a maioría de empresas do tecido produtivo. Mesmo
debemos resaltar que o citado déficit ten unha causa directa na acusada baixa de cotizacións por mor da redución salarial, impulsada polas políticas do Goberno, sobre todo desde a reforma laboral.
O mecanismo máis eficaz para a sustentabilidade da Seguridade Social pasa por unha reforma fiscal e políticas activas de emprego que reduzan a enorme taxa de paro, por
asegurar o mantemento o nivel salarial de todos e todas as traballadoras, e non por incrementar as cotizacións aos segmentos máis vulnerábeis do tecido empresarial nun momento que atravesan serias dificultades económicas.
Por iso, o grupo municipal do BNG, solicita do Pleno da corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
Instar á Xunta de Galiza a
1. Demandar do Goberno do Estado  un posicionamento
contrario a calquera suba nas cotizacións para persoas autónomas e pequenas empresas.
2. Demandar do Goberno do Estado aprobar as reformas lexislativas necesarias de cara a promover unha reforma fiscal verdadeiramente progresiva, que grave ás grandes fortunas e grandes empresas, persiga a fraude fiscal e non incremente as cargas sobre as persoas
autónomas e pequenas empresas.
3. Pór en práctica políticas activas de emprego en Galiza, como mellor mecanismo para garantir a sustentabilidade da Seguridade Social, con especial incidencia nas políticas sobre a mocidade e as mulleres, os segmentos máis vulnerábeis para a obtención de emprego.

Ningún comentario: