29 de mar. de 2014

“ME VOY A CORRER” (e non pensedes en marranadas)

POR RICARDO DOMINGUEZ REY
      Teño un amigo que defende a teoría de que o running (ou tamén chamado jogging) é o mais parecido  que hai ás relacións sexuais, di que en ambos
casos hai uns preámbulos ou quecementos, a continuación comezas a aumentar o ritmo, para finalizar cun último
esforzo; tamén, en ambos casos, adoitas  rematar jadeando e suando e, por último, o meu amigo, cun sorriso pícaro na faciana, di que ambas actividades pódense practicar en solitario aínda que é mais divertido facelo acompañado.
      De iso quería falarvos hoxe, queridos amigos, do running; dicir que este deporte é
o primeiro que empezou a practicar o ser humano, dende que é un animal bípedo, é unha obviedade: da súa habilidade para correr dependía, en moitas ocasións, que puidera atrapar a outros animais que serian a súa comida ou, mais importante aínda, escapar para non ser  el a comida de outros animais carnívoros. 
      Está tan instaurado este deporte que, en ocasións,
supera á propia historia: á maioría da xente que lle preguntemos que lle suxire a palabra “maratón”, asociarana, inmediatamente, a proba atlética de fondo  que cubre unha distancia total de 42 kms. e 195 mts., sen saber, en moitos casos, que detrás da mesma,
houbo unha batalla  entre Atenas e o Imperio Persa, a raíz da cal tomou o seu nome. 
      Eu, coma seguramente  moitos de vos, practico este deporte a nivel afeccionado, sempre procuro saír tres ou catro veces por semana a rodar un pouco e non creo que faga falta que vos fale dos múltiples beneficios que implica a súa práctica (mellora da capacidade aeróbica, fortalecemento muscular
ou  claros beneficios  para o sistema coronario, entre moitos outros). 
      En relación con este deporte, Cambados sempre tivo excelentes corredores e por mencionar algúns que me veñen agora á memoria: Carlos  Costa Pombo “Mijallas”, Antonio
Gomez Charlín, Alfredo Vázquez Oliveira,  David Martínez Costa ou Borja Botana Álvarez entre outros moitos; velos trotar polos distintos paraxes cambadeses, é xa algo que forma parte xa da memoria colectiva cambadesa, ¿quen non veu, por exemplo, correr algunha vez a Alfredo Vázquez, pola
 Cabana arriba, como o si o perseguise o mesmísimo diaño? (aínda que non sei quen lle terá mais medo a quen).
      Tamén é xusto  destacar a  unha serie de moi  bos triatletas cambadeses como son: Gustavo López, Yayo Daporta, Jose Luís Aragunde Soutullo e  Miguel Daporta Méndez.       
      Ademais o noso pobo é cita de probas atléticas como a “Carreira Popular de Cambados”, o maratón popular “Memorial Manuel Mariño” de Oubiña ou a “Milla e  Dobre Milla Urbana de Cambados”, esta última cada vez mais importante no circuíto atlético galego.
      Por todo o exposto anteriormente, parecía lóxico que
nacese no ano 2011, o Clube Atletismo Cambados, da inquietude dunha grupo de “runners” e que, como sinalou o seu presidente, Tito Fariña,  o dia da súa presentación, co fin de “promover a afección polo atletismo  e fomentar
hábitos de vida saudables”, aparte de ser, tamén,  unha boa canteira para futuros corredores. 
      Penso que todo o que vimos de falar é motivo mais que suficiente para animarse a  enfundarse o chándal e comezar a “devorar” quilómetros; si sodes principiantes non vos desanimedes e pensar que, ao
comezo,  as inevitables “agujetas” son parte do adestramento. Un consello para a maioría  que, coma min, corredes sobre asfalto, nas zapatillas, que sempre prime a amortiguación, a veces é mellor pagar un pouco mais e
levarse un calzado con garantías para así evitar posibles lesións,  todas as marcas deportivas  teñen unha liña especifica para o running, na vosa tenda de deportes habitual saberán informarvos ben. 
      Agora soamente falta que o primeiro dos cambadeses, o alcalde, “aparque” o kaiak e tamén se anime a facer unhas zancadas aínda que dada a súa “especial” fisonomía en forma de
bola, a mellor maneira de que se poña a rodar é   pola Avenida da Pastora, costa abaixo aínda que sexa en dirección prohibida. 

NOTA: Este artigo quero dedicarllo especialmente a dous “cracks” que me serviron de inspiración para facelo é non son outros que, o anteriormente mencionado, Tito Fariña e Mary Abal, dous “benditos enfermos” deste deporte.

UN SAUDO A TODOS
                     RICARDO DOMINGUEZ REY    
     
   

Ningún comentario: