8 de abr. de 2014

REFLEXIONS DUN CAMBADES NUNHA CATALUNYA ¿INDEPENDENTE?

POR RICARDO DOMINGUEZ REY
      Xa fai  tempo que quería falarvos, queridos amigos, dun tema que está de
plena actualidade, mais aínda este martes que se debatía no Congreso dos Deputados, e  que a min tócame moi preto
 e que  non é outro que o dereito do pobo catalán a decidir  sobre unha posible independencia.
      Debo confesarvos que eu neste tema teño as miñas dúbidas; evidentemente eu parto da idea, como
a inmensa maioría dos cataláns que o 18 de xuño de 2006 votamos a favor do actual Estatut, de que Catalunya (ó igual que Euskadi e Galiza) é unha nación; unha nación por cultura, tradición, sentimento, idioma, historia e un longo etc; unha
nación que se identifica como tal e  está moi orgullosa de selo e que , persoalmente,  penso que  en
Catalunya  pouca xente o pon en dubida. 
      O verdadeiro debate radica , e aí está o quid da cuestión, en si, realmente, o pobo catalán quere ou non  unha posible independencia e constituírse nun estado
distinto do español; como vos dicía ó comezo, neste punto, en concreto, teño as miñas dúbidas e, dende logo, hoxe por hoxe, no caso dun remoto referendo,  probablemente, eu  votaría
que non.
      ¿Por que votaría que non? As  causas son da mais diversa índole, empezando (e aínda que poida parecer unha contradición) porque teño unha clara  ideoloxía nacionalista, ou mais concretamente, dobre ideoloxía nacionalista, primeiro como
nacionalista galego: por nacemento, crenza e sentimento e, segundo, como nacionalista catalán por adopción, tamén por sentimento e, como non, polo meu rol de  pai de cataláns (iso si,
estes,  con sangue galega); por iso mesmo, non me identifico coa independencia que me quere vender o presidente da Generalitat  Artur Mas e o seu partido  Convergencia i Unio (CIU) 
      Como digo o concepto de independencia que está a  amosar o presidente da Generalitat, non me convence , en absoluto; primeiro porque o sr. Mas estanos a falar, exclusivamente, dunha independencia
económica; todo o seu discurso basease en que, no momento en que Catalunya se independice, todo será mellor para o novo estado resultante e que  se acabará a tan traída crise o que me leva a pensar que a CIU o que realmente lle  importa (como tal  partido de dereitas) non é o
sentimento  de todo un pobo  senón, exclusivamente,  a independencia do  capital catalán.   
      Tampouco me acaba de convencer  que os promotores da independencia non teña unha “folla de ruta” é dicir, un
plan  detallado dos pasos a seguir no caso de que se alcanzase o tan anhelado estado; o pobo catalán merece  que  se lle explique, no caso de tal situación, que pasaría en campos tan importantes como  a educación, a sanidade, a defensa, a economía  ou a
 xustiza.  
      Evidentemente, como dixo no seu dia o presidente da Generalitat, por renda e cifras, Catalunya ten
capacidade, mais que suficiente,  para ser  un estado independente, incluso o seu PIB supera ao de moitos países europeos pero a cuestión é moito mais complexa e non se pode reducir á frialdade duns números; por agora en todas as enquisas que se publicaron, preguntando aos
cataláns sobre si estarían a favor de dita independencia, os partidarios do “SI”  móvense nunha pinza entre o 45 e o 60 %, (dependendo do medio) e esta disparidade tamén pódese apreciar nos
distintos sectores da sociedade catalá: empresas, sindicatos, partidos políticos, asociacións gremiais etc.; de xeito que grandes firmas como Freixenet ou  o grupo editorial Planeta opóñense a tal secesión mentres que no outro extremo, empresas como  a multinacional
farmacéutica Grifols  ou o grupo alimentario “Casa Tarradellas”  si  se amosan favorablemente a tal acción; no medio ou  en “terra de ninguén” situaríanse a inmensa maioría que,
 como  “La Caixa” ou a Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE)  presidida polo catalán Joan Rosell) seguen reclamando mais dialogo entre o goberno central e o autonómico. 
      Evidentemente hai unha cousa clara i é que co noso actual marco xurídico,  tal consulta non se podería  autorizar e aínda que así fose e dado que afecta a unha parte do  territorio do estado español, algúns xuristas xa se apresuraron a sinalar que tal referendo soamente poderíase facer na totalidade de dito estado, co que está claro que  a opción que gañaría sería a do “NON”,  a explicación é moi sinxela: por moito anti catalanismo (do cal falarei a continuación) que exista en España ¿quen deixaría marchar a un dos principais motores económicos do estado?   é  como si preguntases en Alemaña si estarían a favor da independencia da  rexión do Ruhr ou en Italia da independencia de Lombardía (en ambos  casos, e respectivamente,  as zonas económicas mais importantes de ditos países).  
      
      Evidentemente os responsables, en gran parte,  de que o movemento independentista crecese  en Catalunya os derradeiros anos  teñen un nome e  non é outro que o Partido Popular e toda a caverna mediática  que o apoia  (La Razón, ABC, 13TV, INTERECONOMIA etc.); sei que esta afirmación pode parecer esaxerada pero accións como o recurso de anti constitucionalidade contra o Estatut (insisto un estatuto votado favorablemente pola inmensa maioría dos cataláns), ou, mais recentemente, a Lei Wert que ataca directamente ao sistema educativo catalán,  e na que que se da a esperpéntica situación  de que   a decisión de 30 ou 40 pais que “quieren que sus hijos reciban la educación en castellano” imponse ó desexo de mais de un millón de pais (non so cataláns, senón tamén vascos, galegos ou estremeños, residentes en Catalunya)  que apoiamos o actual  concerto educativo, pois  isto  fixo, como dicía,  que moitos   que antes se consideraban tan cataláns como españois, hoxe en dia non queiran pertencer a un estado que comeza a parecerse, perigosamente, nas formas  a outras épocas mais escuras do pasado.  
      Tamén os medios de comunicación que veño de mencionar levan moito tempo fomentando e amplificando un, cada vez mais, preocupante,  anti catalanismo que está acadando cotas realmente absurdas e que, en mais dunha ocasión levan a preguntarme  de que Catalunya falan porque, dende logo, non é a mesma na que vivo eu; podería poñervos ducias de exemplos de ese anti catalanismo tan radical pero vouno resumir, soamente, en tres casos  a cada cal mais absurdo que reflexa moi graficamente tal radicalismo. 
      O primeiro caso foi unha lenda urbana que correu fai uns  anos é que dicía que a Generalitat multaba aos negocios que  non tiñan o seus rótulos en catalán ou, por contra, rotulábannos  en castelán    (aínda hoxe en dia o periódico La Razón segue a “intoxicar” aos seus lectores con este tema) i é tan absurda e ridícula esta afirmación como tan fácil desmontala, bastaría con dar un paseo por calquera rúa, por exemplo, de Barcelona, L´Hospitalet ou Sabadell, onde non soamente atoparas empresas, tendas e negocios (algúns con mais de 20 ou 30 anos de antigüidade)  rotuladas en castelán senón tamén en chino, inglés  ou, mesmamente,  en galego (como o mesón “Os Galegos”  de Granollers onde cando cheguei a Catalunya e  me invadía  a morriña, acudía  a tomar unha tapa de “polbo á feira”).  Do mesmo xeito, a prensa “da caverna mediática”   non se cansa nunca de “enmerdar” con unha “suposta” persecución do castelán en Catalunya cando iso non é mais que unha falsidade: o idioma dominante en Catalunya segue a ser o castelán; segundo a Asociación de Libreiros de Catalunya por cada libro que se vende en catalán, véndense case dous en castelán, e maioría das cabeceiras dos xornais escriben en castelán e, curiosamente,  nos dous periódicos  que teñen edicións bilingües  (“El Periódico de Catalunya”  e “La Vanguardia”) a edición en castelán supera en tirada á edición  en catalán. O que subscribe isto (que ata nunha ocasión un pakistani que me escoitou o acento díxome: ¡tu ser gallego! ) aínda non atopou un so catalán que cando vía (sobre todo  recen  chegado a Catalunya) que podería non entender o idioma, non pasase automaticamente a falarme en castelán (hoxe en dia grazas a Deus, xa comezamos a falalo).           
 
    Outro caso que quería expoñer aínda é mais patético que o anterior e  amosa, as claras, a  fobia que lle teñen algúns a Catalunya. Resulta que, fai uns meses, cando  o Fútbol Club Barcelona presentou o que seria o segundo uniforme do equipo para esta tempada, baseado na senyera (a bandeira oficial catalá), algo normal por outro lado, si temos en conta que o Barça é un  dos símbolos mais  internacionais de Catalunya,
caéronlle paus de todos lados, acusando a este club de independentista e secesionista (entre outras cousas) o curioso do caso e que fai,  soamente, un par de tempadas atrás o Valencia C.F. tamén sacou un segundo equipamento, practicamente idéntico ao  do club catalán  e daquela ninguén acusou  ó club levantino do que acusan o Barça; por certo, segundo representantes do club blaugrana e da marca provedora (NIKE) esta camiseta   xa é mais vendida da historia do Barça ( Fonte: Diario SPORT), ¿será, quizais, que todos os seguidores do Barça, espallados polo mundo adiante,  son uns independentistas en potencia?  Non sei que espera  o diario “La Razón” para sacar unha editorial denunciando este feito. A min, persoalmente, paréceme unha camiseta ben chula (é dívolo un “merenge” confeso). 
      O ultimo caso de ata onde chega o anti catalanismo integrista é bastante recente; resulta  que a artista internacional Shakira acaba de sacar ó mercado o seu derradeiro traballo discográfico, i entre as cancións, hai unha versión do grupo SAU titulada “Boig per tu” (“tolo por ti”) e  que a cantante colombiana canta nun excelente catalán; pois ben,resulta que  a conta de Facebook e  Twitter da artista  recibiu moitas críticas e algunha que outra ameaza por ter o “atrevemento”   de cantar en catalán, cando resulta que a súa nai é de orixe catalán, vive en Catalunya, e a súa parella (e pai do seu fillo)  o futbolista Gerard Pique é catalán.... ¿creedes, sinceramente amigos, que si, no canto de facer unha versión en catalán a tivese  feito en italiano, francés ou alemán recibiría a mínima parte  das críticas que está recibindo agora? ...............espero que a  Shakira  non se lle ocorra, como fixo Lady Gaga, de pedirlle a  Eva Soto que lle deseñe algún vestido para o seu próximo vídeo senón xa vexo a Jose Pepe, no seu próximo artigo,  acusando á cambadesa  de ser colaboradora dunha “perigosa independentista catalá”; por certo esta canción de Shakira xa é numero un mundial de reproducións  en Spotify,.....¡estes malditos cataláns decididamente están por lavarlle o cerebro á humanidade! ¿onde estará o ABC cando se lle necesita? (perdón polo meu sarcasmo). 
      Como xa dixen neste mesmo blog xa fai tempo nun artigo sobre unhas desafortunadas palabras do presidente da Xunta de Galicia sobre Catalunya, si hai un pobo, unha xente a quen respectan os cataláns eses son os galegos, e de feito (como dicía en aquel artigo) en Catalunya escoitase moito  un dito que di: “non existe un galego parvo”......... ¿acaso pode existir mellor piropo?   

        Despídome non sen antes invitarvos a que se tedes ocasión visitedes Catalunya, se non a coñecedes podo asegurarvos que os levaredes unha moi boa impresión.   
 
      
UN SAUDO A TODOS
                     RICARDO DOMINGUEZ REY    
     
     



Ningún comentario: