20 de xan. de 2018

GALICIA VÉNDESE. IMOS PERMITILO?

Onte asistimos á charla informativa sobre o proxecto da mina de Touro. Media entrada. E moita xente non era de Cambados. Foi máis xente a ver a José Coronado no Albariño. E está en xogo a vida dos nosos fillos.


O proxecto é do máis puro estilo Feijóo "el liberal", unha empresa extranxeira "Atalaya Mining" recibe a concesión, explota os recursos mineiros, recibe uns beneficios aproximados de 1.900 millóns de euros, crea uns postiños de traballo (non din cantos destrúe) e ao cabo duns anos pecha e marcha para outro lado deixándonos a nós a contaminación. Esaxeramos? vexamos o que pasou fai uns anos no Monte Neme.

O monte Neme é unha montaña situada entre os Concellos de Carballo e Malpica. A canteira deste monte foi explotada ata 2012 pola empresa Leitosa SAU filial do desaparecido grupo valenciano Sedesa, propiedade da familia do político do PP de Valencia Juan Cotino, expresidente da Generalitat Valenciana e imputado por corrupción, ao que acaban de acusar no xuízo da  Gürtel en Valencia de que organizou xunto con Camps a financiación ilegal do partido. A empresa sacou cuarzo e áridos do Monte Neme o tempo que quixo co permiso da Xunta e os seus compañeiros de partido e sen que se lle esixira aval ningún para que cando cesase a actividade houbese unha recuperación ambiental da zona. Ao contrario, déronlle unha subvención de máis de medio millón de euros. Cando remataron de extraer o que lles interesou declarouse en suspensión de pagos e desapareceu. Deixando unhas perigosas balsas de augas tóxicas. A rexeneración da paisaxe costará 1,5 millóns de euros. A mala sorte fixo que unha das balsas abandonadas  rompera en 2014 e 24.000 metros cúbicos de augas tóxicas baixaron monte abaixo afectando ás aldeas de Aviño e Razo da Costa.

Quen garantiza que isto non volva pasar na mina de Touro? NINGUÉN

E no caso de que isto sucedese, non serán dúas aldeas afectadas, senón o río Ulla e toda a Ría de Arousa.

Foto da antiga mina de Touro. Son minas a ceo aberto que explotan grandes superficies. A nova mina prevé usar unha superficie de 689 hectáreas, durante 16 anos. Faranse dez ocos a ceo aberto dos que se quitarán 267 millóns de toneladas de material. Todos os días, durante 14 anos, faranse entre 6 a 9 voaduras.


QUE SE DIXO NA REUNIÓN DE ONTE?

- Que depende de nós que paremos a concesión da licenza por parte da Xunta de Galicia.

- Que a lei de acuicultura parouse (de momento ) grazas á mobilización cidadá

- Que a empresa concesionaria Atalaya Mining (de capital chino, suizo e varios fondos de inversión especulativos) explota actualmente as minas de cobre de "Riotinto" en Huelva e xa foi sancionada pola Junta de Andalucía por incumprimentos graves.

- Que a mina de Touro xa foi explotada nos anos 80 e logo abandonada debido á baixada do prezo do cobre. Máis de 20 anos despois aínda se nota contaminación nas augas dos ríos e regatos da zona, afluentes do Ulla. Agora pretende reabrirse (o prezo do cobre está disparado e resulta rentable) e aseguran que se vai reparar o dano medioambiental.

- As balsas de refugallos contaminantes van ocupar 269 hectáreas (equivalente a 538 campos de fútbol) co elevado risco de rotura dos diques de contención (lembrade Aznalcóllar e o desastre de Doñana) e de que estes refugallos tóxicos acaben no río Ulla e na Ría de Arousa.

Á reunión asistiron un xeólogo membro do grupo ecoloxista ADEGA, representantes da plataforma en contra da Mina de Touro que son veciños da zona afectada e membros da PLATAFORMA POLA DEFENSA DA RÍA DE AROUSA.



Todos eles pediron colaboración, só unidos podemos paralo. Recolléronse sinaturas para levar ao Parlamento (quizais se poida facer na Confraría) e vaise asistir a un pleno do Concello de Cambados o próximo 25 de xaneiro no que se vai presentar unha moción de apoio.


Ningún comentario: