27 de xan. de 2018

SOS NOITES MOUCHAS – O VÁNDALO ATACA DE NOVO

Comunicado oficial dos organizadores da que foi primeira e parece que última edición en Cambados


Queridos Mouchos e Mouchas: Lamentamos comunicarvos que este ano NOITES MOUCHAS non se levará a cabo en Cambados.



O ano pasado terminábamos o programa coa "divertida" anécdota de que un vándalo nos rompera o cartel recén colocado da festa final das Noites Mouchas, e este ano quere seguir facendo das súas. A última da que nos enteramos, é de que este individuo esta ofrecendo o noso proxecto das Noites Mouchas a outras persoas para que fagan algo "similar", porque segundo el, Noites Mouchas nin funciona nin lle gusta (no mesmo horario, no mesmo lugar, para o mesmo público obxectivo e tomando como referencia o que nós xa fixemos... Algo "similar" disque).

Entramos aquí nun debate, ata que punto pode unha persoa decidir por tantas que pasaron polo noso ciclo de actividades e están desexando repetir? Que paradoxa que este neno atrapado nun cargo de concelleiro, non teña unha mentalidade nin tan social, nin tan lista... Agora mesmo atopámonos na situación de que, tras semanas de traballo e cunha primeira edición xa ás costas, que se fixo para demostrar que estamos capacitados para traballar e ademais facelo ben, presentamos un novo proxecto para as Noites Mouchas do 2018 en Cambados, estando dispostos a escoitar propostas por parte da Concellaría de Xuventude, para adaptalo ou varialo no que fixera falta, pero só escoitamos o NON por resposta, sen sequera querernos atender.



Como ben saberedes, as Noites Mouchas son un programa de ocio nocturno alternativo para a xuventude, pero este ano, tras a demanda que tivo a pasada edición, propoñíamos facer unha nova edición sen límite de idade, para que puidera acudir todo o mundo que quixera pasar un bo rato as noites do venres sen ter que coller o coche e saír do seu pobo, ou facer un gasto económico para poder socializar, por iso tamén falamos con outro bloque do goberno local e tampouco foi receptivo as nosas propostas.
Cambados foi o primeiro, porque nós somos de aquí e porque sabemos das necesidades da xente nova, coma nós. Pero, ás veces, ser novo non é bo, e tes que demostrar continuamente a túa profesionalidade, sen medios, sen recursos, e se aínda así o fas ben, é moito máis doado quitarche o traballo das mans e apropiarse de el.


Por todo isto con moita tristeza pola nosa parte, a día de hoxe non haberá Noites Mouchas en Cambados, non por que nos non queiramos, se non por falta de interese e vontade de quen ten a responsabilidade nestas áreas do concello. Aínda temos a esperanza de quen se comprometeu o ano pasado publicamente a repetir este tipo de actividades, corrixa esta actitude do responsable da area de xuventude, queda pouco tempo, pero aínda se pode chegar a facer se hai interese en facelo.
Seguimos tendo as mesmas ganas de facer que os venres sexan o mellor día da semana. Somos conscientes de que este texto terá consecuencias, pero sentímonos na obriga de informarvos e ser sinceros con vós, porque para enganar ocultar e mentir, sobra xente (que non persoas, e menos mouchos) Un saúdo dende as altas esferas mouchas, Vémonos pronto e con novidade.



Ningún comentario: