18/02/2018

PEONALIZAR FEFIÑÁNS XA!

A que esperamos? a que aconteza unha desgraza?. Hoxe coñecemos a nova de que volveu "saltar" outro bolardo da rúa Real.

A estas alturas non deberiamos estar preguntándonos si peonalizar si ou non, si Rúa Real só ou Fefiñáns tamén. A estas alturas o goberno municipal e o concelleiro de obras J.R. Abal deberían estar elaborando o proxecto de peonalización da Praza de Fefiñáns e da rúa Real. Como mínimo.

Hai posibilidades dabondo para crear aparcamentos alternativos que saquen os coches desta zona. Só a ignorancia e o egoísmo dunhas poucas persoas (cada vez menos) pode explicar que non se fixera antes. Os accidentes "providenciais" que se teñen producido recentemente dan máis forza á peatonalización. Se hai unha desgraza a cidadanía saberá quen son os responsables.

-INFORMACIÓN
-BOA SINALIZACIÓN
-APARCAMENTOS ALTERNATIVOS

Está suficientemente estudado e comprobado como actuar. Só falta a vontade política de facelo.



Hai moitas posibilidades:

- O BNG xa fixera un estudo e suxerira trasladar o cuartel da Garda Civil e usar o espazo como área de aparcamento

- O Goberno Municipal anterior do PP alugou unha finca para destinala a aparcamento nesa zona (está marcada na foto anterior cun A). Poden alugarse ou comprarse máis na zona?, seguro que si.

- A comunidade educativa do IES Cabanillas vén pedindo dende hai tempo un arranxo do edificio, está demasiado vello. Incorporar as novas tecnoloxías faise dificil cunhas instalacións eléctricas obsoletas. Arranxalo seguro que sae máis caro que facer un novo. Tírese o vello e fágase un novo nunha zona próxima. Hai solares dabondo sen edificar e aprovéitese o espazo como aparcamento alternativo. O entorno do Pazo e a torre-miradoiro incluso melloraría ao quitarlle de enriba unha construción que xa non debera de situarse aí nunca.



Que non resulta ningunha destas posibilidades, pódense intentar outras.

Nas proximidades do Bosque de Fefiñáns hai numerosas parcelas (B, C, D) sen construír. Algunha delas xa as veñen habilitando os seus donos como aparcamento nos días da festa do Albariño. Por que non se sondea aos propietarios sobre a posibilidade de alugar ou vender? Dende aí a distancia ao Pazo é moi pequena. Os autobuses poderían deixar aos viaxeiros, que se desprazarían a pé, e poden recollelos alí de novo.

POR QUE ESPERAR MÁIS?

05/02/2018

27/01/2018

SOS NOITES MOUCHAS – O VÁNDALO ATACA DE NOVO

Comunicado oficial dos organizadores da que foi primeira e parece que última edición en Cambados


Queridos Mouchos e Mouchas: Lamentamos comunicarvos que este ano NOITES MOUCHAS non se levará a cabo en Cambados.



O ano pasado terminábamos o programa coa "divertida" anécdota de que un vándalo nos rompera o cartel recén colocado da festa final das Noites Mouchas, e este ano quere seguir facendo das súas. A última da que nos enteramos, é de que este individuo esta ofrecendo o noso proxecto das Noites Mouchas a outras persoas para que fagan algo "similar", porque segundo el, Noites Mouchas nin funciona nin lle gusta (no mesmo horario, no mesmo lugar, para o mesmo público obxectivo e tomando como referencia o que nós xa fixemos... Algo "similar" disque).

Entramos aquí nun debate, ata que punto pode unha persoa decidir por tantas que pasaron polo noso ciclo de actividades e están desexando repetir? Que paradoxa que este neno atrapado nun cargo de concelleiro, non teña unha mentalidade nin tan social, nin tan lista... Agora mesmo atopámonos na situación de que, tras semanas de traballo e cunha primeira edición xa ás costas, que se fixo para demostrar que estamos capacitados para traballar e ademais facelo ben, presentamos un novo proxecto para as Noites Mouchas do 2018 en Cambados, estando dispostos a escoitar propostas por parte da Concellaría de Xuventude, para adaptalo ou varialo no que fixera falta, pero só escoitamos o NON por resposta, sen sequera querernos atender.



Como ben saberedes, as Noites Mouchas son un programa de ocio nocturno alternativo para a xuventude, pero este ano, tras a demanda que tivo a pasada edición, propoñíamos facer unha nova edición sen límite de idade, para que puidera acudir todo o mundo que quixera pasar un bo rato as noites do venres sen ter que coller o coche e saír do seu pobo, ou facer un gasto económico para poder socializar, por iso tamén falamos con outro bloque do goberno local e tampouco foi receptivo as nosas propostas.
Cambados foi o primeiro, porque nós somos de aquí e porque sabemos das necesidades da xente nova, coma nós. Pero, ás veces, ser novo non é bo, e tes que demostrar continuamente a túa profesionalidade, sen medios, sen recursos, e se aínda así o fas ben, é moito máis doado quitarche o traballo das mans e apropiarse de el.


Por todo isto con moita tristeza pola nosa parte, a día de hoxe non haberá Noites Mouchas en Cambados, non por que nos non queiramos, se non por falta de interese e vontade de quen ten a responsabilidade nestas áreas do concello. Aínda temos a esperanza de quen se comprometeu o ano pasado publicamente a repetir este tipo de actividades, corrixa esta actitude do responsable da area de xuventude, queda pouco tempo, pero aínda se pode chegar a facer se hai interese en facelo.
Seguimos tendo as mesmas ganas de facer que os venres sexan o mellor día da semana. Somos conscientes de que este texto terá consecuencias, pero sentímonos na obriga de informarvos e ser sinceros con vós, porque para enganar ocultar e mentir, sobra xente (que non persoas, e menos mouchos) Un saúdo dende as altas esferas mouchas, Vémonos pronto e con novidade.



25/01/2018

AS PEONALIZACIÓNS NECESARIAS

Un cando fala de peonalización en Cambados, sempre o asocia a tantas veces solicitada da Praza de Fefiñáns, praza esta, que é a imaxe senlleira da nosa vila e que probablemente xunto cos nosos viños sexa o que nos destaca por riba doutras poboacións. Moitos, nos últimos días, intentaron aproveitar para sacar este tema a raíz da noticia que falaba dunha muller ferida por un bolardo logo de que este saíra disparado tras impactar contra el un turismo.

Non considero que este tipo de incidentes teñan que poñer no mapa un tema que non debería saír da axenda dos nosos políticos sempre que un so coche poida circular legalmente por este marco incomparable.

Pero neste artigo quero ir un pouco máis alá e destacar que Cambados ten a obriga de camiñar cara unha peonalización progresiva da maior parte das zonas do seu casco urbano e do seu casco histórico. No caso da rúa Isabel II, xa se recolleron case 300 firmas para solicitar o seu peche o tráfico. Dende aquí espero que non nos depare algunha desgraza máis pronto que tarde, xa que é unha rúa ateigada de persoas na fin de semana e o paso dos vehículos polo que podemos chamar sen miramentos o tontódromo (xa que que se trata dunha rúa que non te leva a ningún lugar o que non poidas ir por outra vía) é incesante.

Calquera momento da fin de semana na rúa Isabel II

O futuro pasa sen dúbida por facer as cidades e os pobos, para as persoas e boa proba desta senda a temos en Pontevedra, exemplo de cidade peonil para todo o mundo. Deste proxecto incluso tomou boa nota o megalómano Abel Caballero que xa ten proxectado soterrar o tráfico na zona de Porta do Sol en Vigo.

Unha decisión deste calado non pode deixar de realizarse pola falta de altura de miras de un, dous ou tres políticos cambadeses e moito menos pola maior ou menor venta de viños dun determinado hostaleiro cambadés.

O primeiro paso é buscar alternativas o tráfico e opcións realistas de aparcamento nas proximidades do casco histórico e o seguinte a educación dos cambadeses e cambadesas, que as veces parece que necesitamos meternos co coche ata o porta de tódolos sitios os que temos que acudir. No primeiro punto teño a esperanza de que xa teñamos alguén do concello traballando, aínda que sexa nun segundo plano.


Mentres estas peonalizacións non se leven a cabo, todos os cambadeses que nos atopemos a favor da mesma temos unha opción pacífica e coa que pouco a pouco podemos repercutir en que o tráfico naquelas zonas que queremos gañar como viandantes vaia a menos. Esta forma de “protesta”, non é outra que deixar de pasar cos nosos coches pola praza de Fefiñáns ou pola rúa Isabel II. Recomendo encarecidamente que o intentedes e poderedes comprobar como non é tan complicado, nin vos vai a supoñer ningún inconveniente no voso día a día. Eu levo meses facendo e teño a miña casa o pé da praza.

ARRANCA O TREBOADA FESTIVAL

Este sábado 27/01 as 20:00 horas no Salón de Peña estrease o Treboada Festival coa que esperamos sexa a primeira de moitas edicións. O festival está organizado polo grupo Treboada Rock. Este grupo está formado por 4 rapaces de Cambados e un de Vigo. Pola parte cambadesa temos a Roi Xesteira (17 anos, guitarra e voz), Iván Rial (16 anos, guitarra), Mateo Laya (18 anos, baixo) e Isi Baulo (18 anos, batería), se ben este último sempre fai gala de ser de Vilariño. O compoñente vigués e Iago Vilas de 18 anos e guitarrista.




Os referentes musicais da banda son os John Deeres, Arrythmia ou Nao, grupos de rock todos eles galegos, pero a súa música pode recordarnos a outros grupos máis coñecidos para o gran público, como poden ser System of a Down ou Slipknot.

No Cartel xunto con Treboada Rock podemos ver a TNT Band que chega dende Vilagarcía con uns sons máis clásicos da man do punk e o ska (foron teloneiros de Rosendo en Vilagarcía) e Particle dende Pontevedra co seu Rock duro.

A entrada será de balde e dende a formación organizadora do evento trasládannos o agradecemento ó gran de area depositado por tódalas entidades públicas e privadas para que finalmente se puidese levar a cabo este festival (podedes consultalas todas no cartel)

Os actos culturais complétanse en Cambados esta fin de semana coa presentación do libro: Díaz Castro: Poeta en formación (1914-1939) (Ed. Laiovento) de Emilio Xosé Ínsua López o venres as 20:00, que contará coa colaboración do académico e catedrático da USC cambadés, Francisco Fernández Rei neste evento. Este acto está organizado pola Libraría Cabanillas.



20/01/2018

GALICIA VÉNDESE. IMOS PERMITILO?

Onte asistimos á charla informativa sobre o proxecto da mina de Touro. Media entrada. E moita xente non era de Cambados. Foi máis xente a ver a José Coronado no Albariño. E está en xogo a vida dos nosos fillos.


O proxecto é do máis puro estilo Feijóo "el liberal", unha empresa extranxeira "Atalaya Mining" recibe a concesión, explota os recursos mineiros, recibe uns beneficios aproximados de 1.900 millóns de euros, crea uns postiños de traballo (non din cantos destrúe) e ao cabo duns anos pecha e marcha para outro lado deixándonos a nós a contaminación. Esaxeramos? vexamos o que pasou fai uns anos no Monte Neme.

O monte Neme é unha montaña situada entre os Concellos de Carballo e Malpica. A canteira deste monte foi explotada ata 2012 pola empresa Leitosa SAU filial do desaparecido grupo valenciano Sedesa, propiedade da familia do político do PP de Valencia Juan Cotino, expresidente da Generalitat Valenciana e imputado por corrupción, ao que acaban de acusar no xuízo da  Gürtel en Valencia de que organizou xunto con Camps a financiación ilegal do partido. A empresa sacou cuarzo e áridos do Monte Neme o tempo que quixo co permiso da Xunta e os seus compañeiros de partido e sen que se lle esixira aval ningún para que cando cesase a actividade houbese unha recuperación ambiental da zona. Ao contrario, déronlle unha subvención de máis de medio millón de euros. Cando remataron de extraer o que lles interesou declarouse en suspensión de pagos e desapareceu. Deixando unhas perigosas balsas de augas tóxicas. A rexeneración da paisaxe costará 1,5 millóns de euros. A mala sorte fixo que unha das balsas abandonadas  rompera en 2014 e 24.000 metros cúbicos de augas tóxicas baixaron monte abaixo afectando ás aldeas de Aviño e Razo da Costa.

Quen garantiza que isto non volva pasar na mina de Touro? NINGUÉN

E no caso de que isto sucedese, non serán dúas aldeas afectadas, senón o río Ulla e toda a Ría de Arousa.

Foto da antiga mina de Touro. Son minas a ceo aberto que explotan grandes superficies. A nova mina prevé usar unha superficie de 689 hectáreas, durante 16 anos. Faranse dez ocos a ceo aberto dos que se quitarán 267 millóns de toneladas de material. Todos os días, durante 14 anos, faranse entre 6 a 9 voaduras.


QUE SE DIXO NA REUNIÓN DE ONTE?

- Que depende de nós que paremos a concesión da licenza por parte da Xunta de Galicia.

- Que a lei de acuicultura parouse (de momento ) grazas á mobilización cidadá

- Que a empresa concesionaria Atalaya Mining (de capital chino, suizo e varios fondos de inversión especulativos) explota actualmente as minas de cobre de "Riotinto" en Huelva e xa foi sancionada pola Junta de Andalucía por incumprimentos graves.

- Que a mina de Touro xa foi explotada nos anos 80 e logo abandonada debido á baixada do prezo do cobre. Máis de 20 anos despois aínda se nota contaminación nas augas dos ríos e regatos da zona, afluentes do Ulla. Agora pretende reabrirse (o prezo do cobre está disparado e resulta rentable) e aseguran que se vai reparar o dano medioambiental.

- As balsas de refugallos contaminantes van ocupar 269 hectáreas (equivalente a 538 campos de fútbol) co elevado risco de rotura dos diques de contención (lembrade Aznalcóllar e o desastre de Doñana) e de que estes refugallos tóxicos acaben no río Ulla e na Ría de Arousa.

Á reunión asistiron un xeólogo membro do grupo ecoloxista ADEGA, representantes da plataforma en contra da Mina de Touro que son veciños da zona afectada e membros da PLATAFORMA POLA DEFENSA DA RÍA DE AROUSA.



Todos eles pediron colaboración, só unidos podemos paralo. Recolléronse sinaturas para levar ao Parlamento (quizais se poida facer na Confraría) e vaise asistir a un pleno do Concello de Cambados o próximo 25 de xaneiro no que se vai presentar unha moción de apoio.


18/01/2018

GALICIA VÉNDESE. SUMA E SEGUE. MINARÍA

O PP de Galicia coa súa maioría absoluta no Parlamento aprobou recentemente e pola vía de urxencia, impedindo o debate e exposición pública,  
a nova LEI DE FOMENTO EMPRESARIAL


Esta lei modifica a lo menos unha ducia de leis, entre elas están a do sectores eólico, mineiro e forestal, pero tamén a de cooperativas, a de procedemento administrativo, a de taxas, prezos e exaccións, a de turismo, a de estradas, a do patrimonio cultural e a de conservación da natureza.

 

Esta lei supón a liberalización de sectores estratéxicos para Galicia como son o eólico, mineiro ou forestal, facilitando a iniciativas empresariais só a grandes empresas e non as PEMES e autónomas, xa que a estas últimas non lles afectará esta lei. A redución de trabas administrativas da que bota man o PP para xustificar a presentación desta Lei non é máis que facilitar os trámites ás grandes empresas mentres que aos pequenos se lle incrementan

No ámbito da minaría, toda Galicia será unha mina sen apenas regulación. A norma modifica a Lei 3/2008 da minaría de Galicia, reducindo os trámites para os novos proxectos mineiros, reducindo prazos e dando a Industria capacidade substantiva para resolver un proxecto ou solicitude de dereito mineiro á marxe das consideración dos concellos e doutros departamentos da administración (Medio Ambiente, Patrimonio, Urbanismo...). 

Neste sentido van as protestas contra a mina de cobre de Touro no Concello do Pino, A Coruña, e que pode afectar a  través dos residuos da mina que vaian río abaixo ao Ulla e á Ría de Arousa. O sector do mar estase mobilizando porque hai unha ameaza certa de contaminación das zonas marisqueiras da Ría de Arousa:

Xornal El País, 17-dec-2017 :


Por todo isto non faltes á sesión informativa que se vai facer mañá venres 19, ás 19 horas, no Auditorio da Xuventude de Cambados

13/01/2018

GALICIA VÉNDESE

Chegan a diario moitas informacións que nos falan da intención de Feijóo e o PP de Galicia de privatizar todo o que se poida do sector público galego. É a idea neoliberal de que todo o privado funciona mellor e se isto non é certo alomenos deixa moito diñeiro para os amiguetes.




Nese sentido van os proxectos aprobados, con "nocturnidade e alevosía",  en relación á sanidade galega (2 de agosto) e ás actividades económicas (pola vía de urxencia). Xa viña de antes, nin sequera se salvou o servizo de extinción de incendios, coas consecuencias que vimos este verán. 

Privatizar a toda costa, esa é a consigna do goberno galego do PP. Que xestione o sector privado. Será que no fondo eles vense incapaces de xestionar?. E ademais, se todo o vai xestionar a privada,  para que lle pagamos aos xestores públicos? 

"El presidente de la Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ha sido el invitado de honor en el XIII Encuentro del Instituto para el Desarrollo e Integración de la Sanidad (Fundación IDIS), entidad que reúne a distintas instituciones y organizaciones nacionales en defensa de la sanidad privada. A la reunión a la que se han dado cita cerca de 150 profesionales del ámbito de la sanidad privada, del sector de la industria farmacéutica y tecnológica, y representantes de otros colectivos relacionados con el entorno sanitario, también han acudido varios miembros de IDIS: Adolfo Fernández-Valmayor, presidente de IDIS; Luis Mayero, secretario general de IDIS; y Manuel Vilches, director general de IDIS."   https://www.fundacionidis.com/es/noticias/idis-en-los-medios/alberto-n%C3%BA%C3%B1ez-feij%C3%B3o-preside-xiii-encuentro-del-instituto-para


O pasado 2 de agosto  o Goberno galego publicou, sen previo coñecemento por parte do eido sanitario, o anteproxecto de lei polo que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia.

A intención por parte do Goberno de Galicia foi iniciar este proceso de reforma da Lei de Saúde de Galicia de forma escurantista, en pleno mes de agosto, con moitos profesionais de vacacións e sen diálogo previo na mesa sectorial nin cos colectivos sociais, e cun prazo de presentación de alegacións de apenas 15 días en pleno período de vacacións. 


O goberno municipal de Cambados presentou unha moción na mancomunidade do Salnés na que se instaba á Xunta de Galicia a:


- Retirar o anteproxecto de lei de modificación da Lei 8/2008 do 10 de xullo de saúde de Galicia.

- Manter a Area Sanitaria do Salnés para favorecer a resolución dos problemas da cidadanía e dos traballadores/as sen ter que desprazarse aos grandes hospitais e sen marxinar a atención primaria.

- Nomear unha Xerencia, na Area Sanitaria do Salnés con capacidade de xestión directa, e que sexa capaz de dotar ao Hospital do Salnés e á súa atención primaria de persoal, recursos materiais e tecnoloxía necesarios para unha atención adecuada que se corresponda coas necesidades reais desta Comarca do Salnés.

Pese a esta e moitas outras protestas que se desenvolveron por toda Galicia nos últimos meses,  o goberno da Xunta de Galicia aprobou o proxecto para seren enviado ao Parlamento o 7 de decembro (en medio da ponte da Constitución).

Está habendo unha importante mobilización no Salnés e en toda Galica sobre este tema e seguirá. Non faltes á manifestación convocada para o próximo 4 de febreiro en Santiago, ás 12:00 hs no Paseo da Alameda. Coa saúde non se xoga.

Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Salnés
 

VICHES ESTE VIDEO? UN EXPERTO FALA DO TEMA

http://www.lasexta.com/programas/el-intermedio/revista-medios/el-medico-carlos-barra-sobre-la-reforma-sanitaria-en-galicia-feijoo-es-un-experto-en-privatizar-no-ha-empezado-ahora_201712125a3047930cf22cef518605a1.html


10/12/2017

COMEZAMOS UNHA NOVA ETAPA

Iniciamos unha nova etapa neste blogue cambadés. Quere ser por un lado unha homenaxe ao seu fundador, Xaquín Charlín, Chon, e por outro unha ferramenta que permita continuar o seu labor na denuncia dos problemas do noso pobo co obxectivo de alcanzar un Cambados mellor.
Facémolo rodeados dun equipo de xente que aportará contidos ben baixo a liña editorial ou con sinatura propia.
Renacemos con dous obxectivos fundamentais:
  • Dar voz ás persoas que queiran expresar as súas opinións sobre a situación política do noso pobo e sobre os problemas que preocupan á veciñanza
  • Informar sobre todas as actividades culturais, lúdicas, deportivas ou políticas da nosa vila.
E por suposto centrándonos na que foi a gran batalla que se librou sempre desde esta tribuna: manter ao PP fóra do poder no noso pobo. Sempre imos apoiar un goberno de esquerdas, que mire polo ben común, non polos intereses particulares. Non nos resignamos a que entre novamente no goberno municipal un partido corrupto ata o máis fondo das súas raíces.
Seguirá activa a nosa liña de contacto a través do correo-electrónico que viña sendo habitual, incorporando as liñas de FB e Twitter onde sempre poderedes contactar connosco.

09/02/2016

1435.2 GRAZAS

Vaia noite a de aquel día... Foi para min moi especial todo o vivido na noite do venres, dende o inicio ata o final. Un quedase mudo, sen verbas tras comprobar coma un pobo se volcou nunha homenaxe e nunha causa. A homenaxe a unha comparsa que marcou un antes e un despois no noso pobo e a causa a loita contra o AME cunha recadación de1435,20 € nunha soa noite. 

Imposibel sería esta recadación para GaliciaAME sen o patrocinio de Eduardo e a súa empresa Corredores do Noroeste e Imposibel sería que todos os grupos brilaran como o fixeron sen o son de Vilas.

UNHA GRANDE CHEA OU A CRÓNICA DUNHA COMARCA

Agora que leo na prensa a defunción de Blanca Boveda, compi daquel grupo de futbol do cal fixeran un documental de grande éxito de crítica e público que se titulara igual ca o equipo protagonista "Dejadnos Vivir", así, coma documento escrito ficarán para a historia de igual maneira coma unha hemeroteca máis, as letrillas da comparsa "Unha Grande Chea", relatorio humorístico dunha época que xa pasou e que moitos vivimos en primeira persona. 

A historia escrébese dende diferentes puntos de vista e as fontes poden ser do mais variopintas, confrontadas e analizadas polo estudoso, daránlle unha idea aproximada do estudado, polo tanto para chegar á verdade non hai mellor cousa que saírse do estandarizado que ofrecen os medios de comunicación e os documentos oficiais.

03/02/2016

CONTRA BANDO


Por que UNHA CHEA DE ENTROIDOS é un acto benéfico?

Moitos de vós vos preguntaredes porque o acto deste venres é benéfico e en cal vai ser o beneficio que se vai destinar para Galicia AME. Obviamente o primeiro dos beneficios será que esta enfermidade, descoñecida ata hai ben pouco para moitos de nós, vai a seguir tendo visibilidade, pero cal será o outro? Pois que no acto se poderán recadar ata 1000 euros por parte dos directivos da asociación. a través das camisolas e CD's que podedes ver a continuación.

26/01/2016

PEQUENAS MODIFICACIÓNS NA HOMENAXE A UNHA GRANDE CHEA

Primeiras modificacións no acto de homenaxe a Unha Grande Chea onde causa baixa Vendavalada no pasarrúas, moi o seu pesar (e o noso), e o grupo Cabanillas fará unha sesión de tarde, para aqueles que non se poidan quedar ata moi tarde pola noite comezando a dar os primeiros acordes as 20:00 horas en Alfredo Brañas.

24/01/2016

Unha Chea de Entroidos pistoletazo de saída do entroido cambadés

Unha Chea de Entroidos, a homenaxe a Unha Grande Chea, será o acto inicial do Carnaval en Cambados e contará coa participación de moitos cambadeses e cambadesas, xa sexa a nivel de organización, actuación ou colaboración. Deste xeito convirtese nun gran acto colectivo e benéfico que ten como fins a homenaxe a comparsa máis importante que tivo o noso pobo, recordando con agarimo os que xa non están e especialmente a Chon. A recadación de fondos será destinada para a investigación do AME.

21/01/2016

Leda Atómica nas semifinais do EISVMusic 2016


Leda Atómica, a gran sorpresa no panorama musical cambadés no 2015 busca mediante o concurso de bandas da Escola de Imaxe e Son de Vigo facerse un nome no panorama musical galego. E é que coa súa posta en escea estes 5 cambadeses non deixan indiferente a ninguén. Unha mezcla de teatro, poesía, prosa e música que son capaces de poñer os pelos de galiña a calquera.



EUROVISIÓN , PLURINACIONALIDADE E O CEMITERIO

Vai ser que a pluralidade é o que está de moda,namentras á contra coma as valanzas que contaba Cabanillas no periódico de primeiros de século "El Cometa" os peixes pesan mais en Cambados que nos concellos veciños, polo tanto estas dúas correntes dánse ao mesmo tempo, un nun plano máis cercano e outro intervén decididamente no ámbeto internacional.