27/06/2013

CAMBADESES QUE CONQUISTAN O MUNDO: IAGO RADIO E CAROLINA LAYA.

RESIDEN EN: RUNCORN – REINO UNIDO.
Por primeira vez “A Ti Meu Cambados” vai facer unha entrevista conxunta a dous cambadeses que residen no Reino Unido, son parella e
como diria a ministra Sra. Yáñez, están exercendo o que ela chama “Mobilidade exterior”, en outras palabras están emigrados.  Non tiñamos  a sorte de coñecer a Iago, pero si superficialmente a Carolina, pois estivo en mais dunha xuntanza para a constitución de ASOBLOG. Amablemente atenderon a nosa petición e aquí volos presentamos: 
NOME E APELIDOS: Iago Radio e Carolina Laya
DATA DE NACEMENTO: 27/11/84 (Iago) e 02/01/89 (Carolina Laya)
LUGAR DE CAMBADOS ONDE RESIDIADES: Castrelo (Iago) – A Modia/Corbillón (Carolina)
TRABALLOS QUE REALIZADES: Enxeñeiro de Calidade (Iago) / Asistente de investigación en Marketing (Carolina)
ESTUDOS: Enxeñeria industrial (Iago)/ Xornalismo (Carolina)
ESTADO CIVIL: Arrexuntados, como dirían as nosas avoas
FILLOS: De momento nin fillos nin mascotas jeje
NACIONALIDADE: Os dous somos galegos
PAIS NO QUE RESIDIDES: Reino Unido
CIDADE NA QUE RESIDIDES: Runcorn, preto de Liverpool (aínda que estamos a piques de cambiarnos a Leeds por traballo)
ENTREVISTA: 
Canto tempo fai que estades fora de Cambados? Fóra de Cambados en si, case tres anos. Emigrados algo menos de dous.
Cal foi a razón primordial da vosa marcha? A ausencia de oportunidades na nosa terra e as ganas de coñecer mundo, un mix das dúas.
Custouvos moi amoldarvos  a vosa nova vida? Iago: á vida, non pero á falta de luz bastante. Carol: a min custoume moito ao principio, son moi morriñenta. Pero a todo se afai unha.
Que diferencias esenciais ves entre os cambadeses a a xente do lugar onde residides? Bueno, pois a principal principal é que esta xente vive no pub e a cervexa é como a súa relixión. Non lle ofrezas un vaso de auga… Rímonos nós das ganas de festa dos españois…
Seguides  a actualidade da vosa vila? Si, procuramos enterarnos do que pasa por eses lares.
Normalmente porque medio vos enterades do que pasa en Cambados? Principalmente polo que nos contan as nosas familias, pero tamén mediante os blogues e medios de comunicación da zona.
Como se ve dende onde estades a situación política e económica do noso pais? Pois igual que dende aí, supoñemos. Os políticos pintando a mona, sexan da cor que sexan, e a maior parte da xente facendo sacrificios impensables para o tempo no que estamos.
Tedes pensado volver? Se a resposta é positiva: a longo, medio ou curto prazo? Volver temos pensado volver pero cremos que aínda nos quedan un mínimo de 5 anos fóra.
Como levades o da morriña? Iago: Eu non teño morriña. Iso si, boto de menos a meus pais e aos meus amigos (moitos deles tamén están por España ou Europa adiante). Carol: Eu son morriñenta polos dous, jeje. Pero ben, estar lonxe é difícil pero agora mesmo é a mellor opción.
Seguides en contacto cos vosos amigos de Cambados? Claro que si. Unhas veces máis e outras menos, pero sempre intentamos estalo.
Interesadesvos pola política do pais ou lugar onde residides? Si, pero non demasiado. A verdade é que nos interesamos máis pola política española e galega que pola inglesa. Aquí á xente tampouco lle gusta moito falar de política… os nosos compañeiros ou a odian ou a teñen como unha especie de tema tabú.
Que botades de menos do que faciades en Cambados normalmente? A praia!!!! Ir a San Vicente, á Lanzada… e máis agora no verán.
Aparte da vosa familia, a quen botades de menos de Cambados? Aos nosos amigos. Iago: e tamén aos meus gatos.
Que monumento de Cambados levarías para o lugar onde resides (só podes dicir un)? Iago: Eu levaba Castrelo enteiro. As parroquias tamén existen! Carol: A praza de Fefiñáns, non ía pasar nin un coche por riba dela… xa me encargaba eu…
Contade que facedes nun día normal (hora de levantarse traballo, xantar, cea,)? De luns a venres erguémonos pouco antes das 7. Adecentámonos e a iso das 8 saímos para o traballo. Iago queda a medio camino (o seu choio está máis preto) e eu sigo até chegar ao meu (entro ás 9, aínda que chego antes). Ás 12 e media facemos o descanso para comer. Logo ás 5 da tarde tócanos saír aos dous, aínda que Iago queda un chisco máis até que paso polo seu traballo a recollelo e vimos para a casa. Ao chegar pois normalmente vemos unha serie, lemos, estudamos algo de inglés, andamos en internet… cousa light. Ceamos a iso das 8 e deitámonos sobre as 10.30-11. Hai uns meses comezamos a ir ao ximnasio pero ao pouco xa tiñamos claro que iso non era para nós, jeje.
Que facedes normalmente o fin de semana ou no teu tempo de lecer? Intentamos estar na casa o mínimo posible. Dependendo do tempo imos de visita a outras cidades, parques naturais, facemos sendeirismo… e nesta época comezamos tamén a ir de camping, para aproveitar o ‘bo’ tempo. Calculamos que nun par de anos non nos vai quedar un recuncho desta illa sen ver, nin en Inglaterra, nin en Gales nin en Escocia.
Cale a festa que mais botades de menos de Cambados: Iago: o Entroido cambadés! Por aquí non se vive o entroido… Se queres disfrazarte disfrázaste, pero sen unha razón. Non é o mesmo, non se ve a todo o mundo disfrazado. Carol: O Albariño! E San Antón!
Hai centro galego ou español onde residides? Aquí mesmo non pero si que hai en Londres, aínda que nunca fomos, a verdade.
Por último, dicir o que vos  pete: Iago: A crise trouxo moitos problemas pero no noso caso aproveitamos a situación para vivir esta xenial aventura. 
ENTREVISTA RAPIDA:
Xantar preferido: Iago: eu teño tantos que non sabería dicir… Carol: As vieiras de miña nai!
Bebida preferida: Iago: Zume, Te, Mojito e Aquarius (bótoos bastante de menos) Carol: Eu sonche de auga ou té verde, pero nunca lle digo que non a unha Caipirinha.
Pelicula preferida: Iago: Non teño películas favoritas, senón directores favoritos: os Cohen e Stanley Kubrick.  Carol: La vida es bella, La lista de Schlinder… 
Canción preferida: Iago: gústame case de todo, a verdade. Carol: calquera de Amaral ou Oasis.
Politico o que admirades: Iago: eu mellor non digo nada non vaia ser que me traia problemas legais, jeje. Carol: Ningún! Os catro decentes que poida haber estarían limitándose a facer o seu traballo, non creo que merezan unha especial admiración por iso.
Persona histórico ou actual o que admirades: Iago: A todo aquel que se levanta e traballa duro por levantar a súa familia ou aos que loitan por lograr os seus obxectivos. Carol: a miña nai.
Deporte preferido: Sendeirismo.
Practicades algún deporte ou actividade: Sendeirismo.
Viño preferido: Non somos moi de viño, pero se hai que elixir, o Albariño.
Actor ou actriz preferido: Iago: non teño. Carol: Luís Tosar.
O voso libro preferido: Iago: os ensaios económicos e políticos. Carol: teño demasiados e son moi distintos. Cien años de soledad ou MAUS están entre eles.
Que libro estás lendo na actualidade: Iago: Agora mesmo téñoos un pouco apartados, pero alterno The shorter MBA e The Decision Book. Carol: A segunda parte do terceiro de A Song of Ice and Fire - Game of Thrones (Canción de Xeo e Lume - Xogo de Tronos).
En que centro fixechedes primaria: Iago: no Colexio Público de Castrelo. Carol: No Enrique Barreiro Piñeiro, en Vilariño.
Fochedes o instituto en Cambados, a cal? Os dous fomos ao Asorey.
Se fixeches estudos universitarios , onde os realizaches? Iago: en Vigo Carol: en Santiago.
Equipo deportivo preferido: Iago: o Barça e o Celta Carol: o Celta (Dos de aquí somos os dous do Liverpool)
Moitas grazas  os dous pola vosa entrevista, e de corazón espero que vos vaia ben e que poidades volver pronto a Cambados. Unha aperta. 

NOTA DO ADMINISTRADOR: Pedimos por favor, si sabedes dalgún familiar, amigo, veciño que esta residindo no estranxeiro e queira sair nestas entrevistas, comunicarlo. Grazas. 

Ningún comentario: