31 de out. de 2013

ENTREVISTA A SUSO MIGUEZ, CAMPIÓN DE RALLYES CLÁSICOS.

CO SÚA MULLER MAR COMO COPILOTO, SON OS FAVORITOS A GAÑAR O RALLYE DE CLÁSICOS DO  ALBARIÑO.
Suso Miguez , non ten a sorte de ser nacido en Cambados, pero si ten a enorme fortuna de
vivir en Cambados dende moi neno, de ter unha muller impresionante e ademais ser de Cambados, das “Pampa Mias” concretamente (mulleres  que se distinguen pola súa beleza) e ter uns fillos marabillosos, iso si,  para desgraza de Suso só cambadeses. Suso exerceu a súa vida profesional como empregado de entidades tan entrañables como “Caixapontevedra, logo Caixavigo e agora Nova Caixa Galicia, xente como Suso, Egidio Varela. Manolo Pillado bótanse e falta nas sucursais de hoxe en día, profesional íntegro, traballador incansable e un “bo
rapaz”, ademais ten a peculiaridade que el a e mais a súa muller Mar, forman un equipo case inigualábel a hora de participar en Rallyes de coches clásicos e case que gañan todos con moito solvencia, se houbera unha “revista do corazón" en Cambados, levarianse a palma.  En breve, concretamente, o día 16 de novembro participan no V Rallye do Albariño de Clásicos e son o equipo a bater. Suso amablemente  concedeunos esta entrevista, que aparte de informarnos sobre como vai esta proba tamén nos fala das belezas deste deporte.
A TI MEU CAMBADOS.- En que consisten estas probas.
SUSO MIGUEZ.- Os rallyes de regularidade son probas automobilísticas, non deportivas, nas que o obxectivo é completar un recorrido nun tempo o mais parecido posible o fixado pola organización.
A dificultade radica por unha banda en seguir rigorosamente o itinerario indicado no libro de ruta, a navegación, e tamén en intentar levar en todo momento a velocidade marcada nas "tablas" que nos entregan ao inicio do rallye.
O percorrido divídese en treitos de enlace e  treitos de regularidade. Os primeiros serven para ir de un treito de regularidade a outro.
Os de regularidade son os importantes. Nestes a organización pon uns controles secretos nos que rexistran a hora de paso de cada participante. A diferencia entre a
hora de paso teórica e a real, medida en segundos, é a penalización que nos van a aplicar nese control, tanto sexa por adianto como por atraso.
Ao  chegar o final do rallye, o equipo que menos puntos (segundos) acumule é o gañador.
ATMC.-Como se cronometran
S.M.-Levamos un localizador GPS no coche que lle indica á organización onde estamos en todo momento e que ao mesmo tempo rexistra as horas de paso polos controles.
ATMC.-Que idade ten que ter o vehículo para poder participar non rallye de clásicos.
S.M.-Mínimo 25 anos, pero hai algún rallyes mais restritivos que requiren vehículos anteriores o ano 1.974 ou o 1978 (só para algúns modelos).
ATMC.-Diferencia entre cronometraxe de rallyes normais e os clásicos.
S.M.-Nos rallyes normais, ou de velocidade, mídese o tempo invertido en realizar un treito e canto mais rápido vaias, mellor. Nos de regularidade o que se mide é a hora de paso por cada control. Como estes son secretos é necesario manter a media durante todo o treito.
A velocidade media marcada pola organización ten que ser sempre inferior a 50

km/h.
Aínda que a velocidade poida parecer lenta, hai que ter en conta que os treitos discorren por carreteiras abertas ao tráfico, moi estreitas e sinuosas.
ATMC.-Inconvenientes que te podes encontrar nun rallye de clásicos
S.M..-Unha característica fundamental destes rallyes e que se realizan con estradas abertas o tráfico, e hai que respeitar sempre as normas de circulación. Isto leva que moitas veces, facendo un treito de regularidade te atopes con un tractor que vai moi despazo e non és capaz
de adiantar, ou con un vehículo alleo a proba facendo unha manobra, etc. Iso acarrea que chegues tarde a un control (ou mais de un) e penalices unha boa morea de puntos que en moitas ocasións dan o traste coas opcións de conseguir unha boa clasificación nunha proba.
A.T.M.C.-Funcións principais de condutor (obviamente aparte de conducir) e do copiloto.
S.M.-A labor mais importante é a do copiloto. A súa función é indicarlle o piloto o percorrido a seguir e  a velocidade a que debe ir en cada momento.
O piloto, ademais de conducir, e concretamente no noso caso, axuda o copiloto a levar o libro de ruta, sobre todo cando hai moita navegación.
A.T.M.C.-Que pasa se vos saltades ou control ou chegades tarde a el.
S.M..-Si te equivocas no recorrido e non pasas por un control, póñenche unha penalización, que normalmente son 600 puntos.
Si pasas tarde a penalización é de un punto por cada segundo de atraso (ou adianto) sobre a hora teórica de paso por ese control.
A.T.M.C.-Cales foron os ultimos rallyes nos que intervichedes
S.M.-O último foi este fin de semana (26/10) no Rallye Cidade de Vigo no que acadamos a vitoria. 
Anteriormente, no mes de setembro participamos no Rías Altas, en A Coruña, no que quedamos terceiros e no mes de Xuño no Rallye de Ourense no que tamén
acadamos o primeiro posto da clasificación.
A.T.M.C.-Tedes un "ranking" dos rallyes en todo ano, si é así en que posto estades.
S.M.-Hai un certame galego denominado Clásica Galicia que está formado por cinco rallyes:
Rías Baixas (Vigo), Lacón (Carballiño), Ourense, Rías Altas (A Coruña) e Cidade de Vigo.
No ano 2012 conseguimos a vitoria final da Clásica, despois de gañar tres dos cinco rallyes disputados. Este ano o campionato rematou co Rallye Cidade de Vigo e acadamos o subcampionato, despois de gañar dous rallyes e facer un terceiro posto.
Ademais da Clásica Galicia hai outros rallyes denominados sociais, que en teoría son mais curtos e mais sinxelos cos da Clásica.
A esta segunda categoría pertence o Rallye do Albariño, aínda que é a excepción que confirma a regra, porque para nada é corto e moito menos sinxelo. O Albariño é unha proba moi dura, con moita navegación e unhas medias moi difíciles de facer. Para moitos, entre os que me atopo,un dos mellores rallyes de regularidade que se fan en Galiza.
A.T.M.C.-Con que coche participas e de que ano é.
S.M.-Un BMW 1602 do ano 1.974.
A.T.M.C.-Que porcentaxe de mérito  ten a maquina e piloto e copiloto nunha carreira.
S.M.-Xa dixen antes que a parte máis importante do equipo é o copiloto. Sobre él cae todo o peso da navegación e do cálculo das medias. 
O piloto, debe ser un bo condutor, pero nada máis, non é necesario ser un fenómeno.
O que sí, debe axudar ó copiloto en determinados momentos, nos que este se ve apurado.
Con respecto o vehículo, é importante que sexa manexable e fiable. Non fai falla que teña unha gran potencia pero si a suficiente para afrontar costas sinuosas con soltura.
É moi importante que este sempre en perfecto estado mecánico para poder afrontar gran cantidade de quilómetros sen problemas. Un rallye como o Albariño, ou calquera dos da Clásica, consta de 300 qms de percorrido, máis os quilómetros que hai que facer para chegar a Ourense, Vigo ou A Coruña.
A.T.M.C.-Por último, favoritos para este rallie , aparte de ti obviamente.
S.M.-A falta de saber a lista definitiva, xa que aínda están abertas as inscricións, os favoritos son os habituais das probas que se realizan en Galiza. O gañador do ano pasado, Manuel Mayán, o do 2011, Alberto Conde, Willy Rodríguez, que sempre está nas posición de cabeza, Adolfo Rodríguez, Javier Fdez. Roca, que está nun gran momento de forma, e os compañeiros do Carballiño que en Cambados sempre fan un gran rallye. Non hai que esquecer tampouco os importantes equipos portugueses, que a falta de confirmación, parece que teñen intención de participar, e que son sempre moi competitivos. 
Os que non sabiamos nada de Rallyes clásicos, agora grazas a Suso Miguéz sabémolo case todo. Moita sorte neste proba e esperamos vervos como gañadores. Unha aperta

Ningún comentario: