6 de dec. de 2013

ENTREVISTA A NESTI PIÑEIRO SANTORUM

CAMBADESA DE CASTRELO, CUNHA GRAN AFECCIÓN: A PINTURA.
Un día navegando pola rede  fumos dar a un blog de pinturas que se chamaba “Nesti Pinturas”, entramos nel e vimos que a súa autora era unha moza
cambadesa que se chama Nesti Piñeiro Santorum, ademais casada con outro cambadés de pro, Jesús Resúa, “Resuiña”, como lle chama a propia Nesti e do quen xa falamos neste blog polo súas espectaculares e peculiares esculturas. Nesti aparte de ser afeccionada a pintura tamén é unha deportista consumada e sempre a podemos ver por Cambados a correr marcándose os seus quilómetros. Puxémonos en contacto con Nesti,  e amablemente atendeunos  e accedeu sen dubidalo a ser entrevistada,  e aquí tedes o resultado: 

-Primeiramente gustaríanos  que nos deses unha serie de datos persoais para que os nosos
lectores se fagan unha composición de lugar, a si que  adiante Nesti, dinos quen és:

- Chámome Nesti, un nome chulo se o comparamos co meu nome completo: Ernestina, herdanza de pai, pois sendo a terceira muller de catro a min tocoume seguir esa casta.
Nacín e vivín en Castrelo ata os 31 anos, momento no que os meus pais conseguiron desfacerse de min e vin para Cambados co meu Resuíña particular, como lle chamo ao meu marido Jesús.
Cambados vénme xenial para levar a cabo unha das miñas afeccións, que é correr, con ese súper paseo dende Santo
Tomé ata Corvillón pasando polo espigón, e se hai lúa e o sangue se altera redondeamos coa Xunqueira. En fin, un bo circuíto. Non menosprezo Castrelo, de feito inda algún bo veciño me pregunta ás veces se xa aprobei os exames de garda civil, que xa hai moito que non me ve pasar, pois para que correr se ninguén te persegue... A min esta afección sérveme para queimar o cartucho e centrarme á hora de facer outras cousas, son moi activa e se estou moito tempo parada pérdome, necesito gastar enerxía, e correr e ir a competicións céntrame. Recomendo calquera exercicio, incluso andar, sempre e cando se poida, é unha boa forma de queimar non só graxa senón tamén os malos rollos.
Empecei aos 29 anos, había 4 que conseguira apagar o último ducados, aqueles de inda non 200 pesetas, e quería empezar a trintena en forma,
comprei uns tenis, e pés para que vos quero “a lo Forrest Gump” por Castrelo.  6 anos despois sigo correndo e indo a competicións, case sempre pola zona, onde adoito quedar ás portas dun terceiro posto na miña categoría, isto fai que queira seguir adestrando e esforzándome.
Outra cousa que me gusta de Cambados
é a morea de xente con talento que hai, escultores, escritores, pintores… Estes últimos son os que máis sigo por ser esta outra das miñas afeccións. Aquí estás rodeada de xente con inquietudes artísticas e iso fai de Cambados un sitio propicio para crear un mesmo. Pintar para min é outra forma de non estar quieta, porque inda que o corpo se relaxa, a cabeza móvese buscando a forma ou a cor axeitadas para sacar a luz e mostrar coa pintura o que un quere, o que posúe. Ás veces non só hai palabras para explicar o que se pode opinar da vida, da xente...

1º.-  Dende cando a afección á pintura.

Sempre me gustou debuxar, dende nena, e case sempre persoas ou caras. No
colexio de Castrelo, na hora de plástica e da man da profesora Adela, entrei en contacto  co modelado de barro, faciamos colage para concursos, debuxos... En fin, foi un primeiro contacto coa arte fabricada por un mesmo. Non obstante, a miña afección pola pintura viría 14 anos despois, aos 27. Empecei manchando un lenzo de forma brusca, simplemente para probar algo novo, e quedei con ganas de máis, foi realmente coma unha droga. Disto hai 8 anos, e neles hai momentos de máis intensidade e outros máis frouxos nos que quizais un mira máis ao redor, busca…, pero é unha afección que sempre está presente e nalgún momento, pumba! de cabeza a mesturar cores e a manchar superficies.

 2º.- Onde aprendiches, como e con quen.

Alá polo 2005, Jesús dime que vai empezar os sábados pola tarde nun taller de artes
plásticas a perfeccionarse co tema da escultura, automaticamente díxenlle que me apuntaba, que me apetecía probar tamén a min, para intentar coller técnica co debuxo.
Quen me ía dicir que alí en Dena, no taller de artes plásticas de Manolo Rial, atoparía un sitio máxico onde exploraría a arte: a escultura, o modelado, a cerámica co método do Rakú, o gravado... E que me atoparía rodeada de xente fantástica con ganas de crear e amosar o seu mundo.
Ana Lorenzo daba por aquel entón as clases de pintura, un día púxome un lenzo en branco diante, explicoume a mestura de cores e díxome que intentase facer unha posta de sol, por suposto non quedou moi lograda, pero a min
entroume o gusaniño de seguir pintando e intentar facer o máis exactamente posible o cadro que un ten plasmado nun primeiro momento na cabeza.
 Inda así, a miña nai ten o cadro colgado na súa casa, e ao miralo un pode apreciar que hai unha clara evolución, é interesante ver como un é nun principio e as cousas que vai corrixindo ao ir co tempo soltándose pouco a pouco.

3º.- Como definirías o teu estilo.

En canto a estilos, sempre me gustou o fantástico.
Os meus primeiros debuxos e cadros son, por dicilo dalgunha forma, un tanto brutos no trazo, e a temática é de seres fantásticos, moita fadas e
trasgos, algún dragón… en fin, seres irreais con formas preciosas que quizais por iso vía como perfectos á hora de convertelos en materiais a través dun debuxo. Como xa dixen, os meus trazos eran brutos, non suavizaba as formas, algo que non obstante foi cambiando co tempo, e sobre todo cando empecei a facer retratos. Intentei que as caras fosen máis doces, o que me custou bastante, de feito, a miña segunda mestra, Sandra, dicíame que as miñas caras se facían moi maiores cos meus trazos, incluso algo terroríficas; e pouco a pouco fóronse suavizando e as pinceladas sendo menos agresivas.
Agora sigo facendo retrato por un lado e mesturando fantasía e realidade por outro.

4º.- Normalmente en que técnica te desenvolves, óleo, acuarela, carboncillo, etc.

Nun principio probei coa acuarela, esta paréceme unha forma delicada de pintar e
os resultados son preciosos, pero facíaseme complicado co meu estilo porque tiña que ter moi claro o que quería facer, a acuarela non che dá a facilidade de corrixir que dá o óleo, ou de ir cambiando de parecer a medida que pintas e obtendo un resultado ás veces diferente do que era a idea inicial. Co óleo síntome moi libre pintando, empezo nun lado, vou para o outro, corrixo aquilo, cambio totalmente se non me di nada. É a técnica coa que me gusta traballar e conducir as ideas. Ademais, ás veces uso grumos de pintura coa espátula, e iso non se pode facer cunha augada.
  
5º.- Vexo que a túa especialidade son os retratos, atópaste cómoda realizando os mesmos.

Encántame o retrato, ir facendo que no lenzo ou táboa apareza a cara da foto que
che dan, que din que é o espello da alma; co teu toque persoal, pero véndose esa expresión da persoa que non sempre coñeces pero vas imaxinando. Paréceme divertido das dúas formas, se coñeces a persoa intentas plasmar o seu carácter no lenzo, se pola contra non a coñeces copias a foto e coa expresión que teña imaxinas como é.
Co retrato aprendes a observar, que realmente me parece fundamental á hora de pintar ou debuxar.
Nun retrato estás continuamente mirando o que hai e fas que se pareza o máximo posible e que teña algo da súa personalidade. É un exercicio moi completo para mellorar como pintora. 

-6º.- Expuxeches algunha vez .

Expuxen unha soa vez de forma colectiva en Vilagarcía. O nome da exposición foi “Conexións”, e tivo lugar na sala Briones. E por suposto encantoume expoñer con outros artistas, así non fun o centro de atención…, ás veces son tímida inda que non o pareza. Había máis cambadeses, tamén expuxo Jesús, de feito foi a primeira vez para os dous, je je. Teño que dicir que había obras moi boas.

7º.- A quen admiras dentro da pintura histórica e actual. 

Cústame dicir alguén en particular. Sobre todo da actualidade elixiría máis ben xente
que coñezo, amigos ou artistas, como xa dixen, da vila. Pero por destacar un, quedaría con Lucas Míguez. Vino traballando no taller de Manolo Rial pouco a pouco pero sen pausa, del aprendes a ser perseverante. Inda que actualmente se dedica máis á escultura tiven a oportunidade de ver a súa pintura e gustoume moito, de feito conseguín a bo prezo un gravado sacado dun óleo que teño na casa e non me canso de ver.
É un bo artista  e unha bela persoa, así que, se me teño que decantar por un, elixo a Lucas. En canto á pintura histórica, sempre me gustou moito Vincent van Gogh e Gustav Klimt, o cal se pode adiviñar vendo algún dos meus cadros.

8º.- Lembras o teu primeiro deslumbramento, a túa primeira vez de precisar, plasmar, derramar, volcarte nunha superficie? 

Un momento revelador no que sentín que quería plasmar algo con cores, foi ao ver a foto dunha tribo africana onde saían uns nenos que agarraban un lagarto, na reportaxe dicía que só ían comer. Vendo a delgadeza extrema dos nenos agarrando o lagarto que repartirían entre todos eles e outros familiares, o cal non lles quitaba de estar alegres coa súa caza, inda que pouco lles duraría, fixo que quixese plasmar a unión que había entre eles, o bo roio, como dicimos aquí. A foto tamén me levou a pensar no pouco co que se conforman en comparación con nós, que realmente acumulamos cousas e comemos de gula, por exemplo agora no Nadal.
Probei a quitarlles o lagarto das mans, e que fixeron eles?, déronse as mans uns aos outros creando a Familia.

9.- Como sentiches ese momento?

Gustoume. Sentín que coa pintura, no meu caso, podía transmitir ideas, opinións e
pareceres, algo que falando me custa un motón, nunca me expreso ben, non son boa oradora, non serviría para dar unha charla... En fin, hai máis formas de chegar aos demais, non só con palabras se pode. Menos mal.

10ª.- Din os relixiosos que Deus creou o mundo da nada, de onde creas ti? 

Eu creo o que cientificamente existe, e a isto intento engadirlle seres fantásticos, mitolóxicos… pero sempre me agarro un pouquiño á realidade. Gústame mesturar de aquí e de alá e ver o resultado. Quizais desa forma máis que creadora son recompiladora e logo transformadora.
Gústame modificar unha realidade ao meu antollo, así de caprichosa son ao crear, cambio e coloco doutra forma.

11.- A arte para ti, ten un fin?

Creo que é unha das mellores formas de expresarse, xa non só a nivel persoal o
artista en si, senón de mostrar tamén a visión que un ten da realidade de fóra, do que nos rodea.
Todos os artistas crean para comunicarse, xa que as obras polo regular van ser vistas por alguén, inda que só sexan familiares ou amigos,vaslle transmitir a túa visión de algo ou mostrar  unha invención propia, co cal te van coñecer un pouco máis, saberase polo menos cara a onde vas. En fin, exprésaste.

14.- Para despedida di o que che pete Nesti.

Non me queda máis que dicir. Quero darche as grazas por pararte a mirar o meu blog e facerme unha entrevista. Espero que as respostas respondan ao que querías. 
Si direi como posdata que seguirei correndo e pintando mentres me queden folgos, je je. Morrerei cos tenis postos e un ultimo cadro titulado “Ata aquí cheguei”. 

Que saibas Nesti que nos encantou a entrevista e espero que os nosos lectores tamén, por certo tes un nome precioso.
Podes ver toda a obra de Nesti en http://nestisantorun.blogspot.com.es/

1 comentario:

Susi dixo...

Grande Nesti!! Unha entrevista fantástica!!