06/02/2014

EDUCACION SEXUAL: DO PASADO A HOXE EN DIA ¡COMO CAMBIOU O CONTO!

POR RICARDO DOMINGUEZ REY
      Non sei se vos pasará o mesmo aos que, coma min, tedes nenos en idade escolar pero eu sempre que vou buscar
aos meus fillos ó colexio, moitas veces andando (aproveitando que queda preto do meu domicilio), gústame,
no camiño de volta,  preguntarlles como lle foron as clases dese dia e debo confesarvos que, o outro dia, o meu fillo maior  Adrián sorprendeume cando me contou que na clase de Medio estaban co tema da reprodución humana. 
      A cuestión é que explicábame con toda naturalidade (e certo entusiasmo) todo o proceso de fecundación do óvulo feminino por parte do espermatozoide e o posterior desenrolo do feto ata o parto. 
      Eu, dende logo, agradezo que xa lles expliquen dende tan novos todos estes temas porque, dese xeito, non terei que pasar polo apreto que, por exemplo, sufrín fai uns meses atrás, cando o meu fillo Pau, de seis anos, estaba obsesionado en  saber como poñía o home  a “semillita”  no
corpo da muller. 
      Todo isto fíxome  botar a memoria 32 anos atrás e lembrar, con certa nostalxia, como foi a miña primeira clase de “educación sexual”.
      Como introdución direivos que tras facer ata quinto da, entonces, E.X.B,  no colexio público de Santo Tome, meus pais decidiron, como moitos pais dos meus amigos, que fixeramos de sexto ata octavo curso nun colexio privado, quizais, pola crenza, tamén instaurada entre moitos proxenitores (e que eu  considero errónea) de que o ensino privado era de mais calidade que o ensino público. 
      En aqueles tempos o colexio privado mais próximo (e ao que rematamos acudindo todos) era o de “Nuestra Señora de la Merced” un colexio relixioso da orden dos Salesianos
que se atopaba (e que se atopa) na parroquia de Castrelo; daquela, aparte de ser privado, era un colexio, exclusivamente, masculino; mais  adiante, co tempo, transformouse en  concertado e mixto, cousa que segue na actualidade.    
      E así comezou para nos aquel curso 1981- 1982; cabe dicir que, en dita clase, atopabámonos  rapaces chegados non so de distintas partes de Cambados, senón tamén  de  O Grove, Vilalonga, Vilagarcía, Caleiro etc. Que eu me lembre entre os cambadeses “ilustres” que estaban na  clase atopábanse, entre outros ( e aproveito para mandarlle un saúdo a todos eles): Ruperto Costa “Pisalleira”, Alex Zels “O alemán”, Javier Falcón Galiñanes, Carlos Daporta Méndez, Eulogio Pomares “Locho” ( na súa defensa direi que nunca o vin
quedarse durmido na clase),  Augusto Chaves Fariña, Manuel Lois Aragunde “Parroi”, Eduardo Dolado Fernández,  Javier Piñeiro Escudeiro, Xosé María Vila Ribadomar, Juan Iglesias López,  Ramón Vieites “Vivi” e Ignacio Laya Serantes entre outros e, como de seguro coincidiredes  comigo, uns verdadeiros cracks todos eles , vamos,   o “melloriño”  de cada casa e, todos, hoxe en dia,   con algunha que outra cana (o que non quedou xa calvo). 
      Como dicía comezaba o curso escolar 1981- 1982 e un dos primeiros días de curso, neses días   nos que  te  dedicabas  a adquirir os libros de texto, a forralos e poñerlles o nome  e, de paso,  aproveitabas para botarlle  un ollada por encima,   un compañeiro reparou no libro de “Naturales”, en concreto,  no tema 16 que trataba da
reprodución humana i, en concreto, nun parrafo, que dicía textualmente: “El acto sexual consiste en la introducción, por parte del hombre, del pene  en la vagina de la mujer”. Non creo que faga falta que vos diga que, ao dia seguinte, aquilo caeu como unha bomba na clase ; para a mentalidade dun rapaz de once anos aquilo era como descubrir  a “pedra filosofal” da vida,  e, dende entón, comezamos a contar os días que faltaban para chegar a tan ansiado tema; a cuestión non deixaba de ter o seu morbo, no so por ser un tema que para  un neno da nosa idade era adentarse nun mundo totalmente descoñecido, senón tamén,  porque a materia  de naturais  impartíanola un sacerdote, Don Angel, mais coñecido entre os alumnos
como “O Camaleón”. 
      “O Camaleón” era, como xa dixen, un sacerdote e, para mais señas, de Castela León (como a maioría dos sacerdotes do centro) e que castelanizaba todo canto nome galego había; por exemplo, a un alumno de O Grove de apelido “Ribeiro”  chamábano “Ribero” e así con todos. O de chamarlle “Camaleón” era polo seu  parecido co susodito réptil: delgado, un pelexo  de pel, colgando,  a altura do  pescozo e unhas gafas que lle aparentaban uns ollos saltóns,  semellaba que, en calquera momento, ia coller unha mosca o vo coa lingua ; dende logo o que un dia decidiu rebautizalo así non puido atinar mais......   
      Antes de seguir, quero facer un inciso para falar dos diferentes mestres que tiñamos e que como “O camaleón” foran debidamente rebautizados:  Don José María  “a Vespa”,  Don Santiago  “ a salchicha”, Don Julio “o topo”  ou
 Don Ramón “Garbancito” (mestre de pouca altura pero con moito carácter),  eran algúns dos nosos docentes aínda que,  se hai alguén que merece un lugar destacado nesta lista ese, sen dubida, era Don Glicerio. 
      Don Glicerio era tamén  un sacerdote castelán  ao  que nos  chamabamos, con razón,  “Nitroglicerina”   porque as explosivas ostias que non arriaba na clase en nada se parecían as outras ostias que  consagraba na eucaristía; era unha especie de Doutor Jekyll e  Mr. Hyde: como profesor de inglés era correcto, esixíndonos unha perfección na entoación oral, propia dun cidadán inglés de calquera barrio de Liverpool, Bristol ou Londres pero ¡Ai! cando se lle cruzaban os cables, ás veces por cousas do mais
irrelevante, entón sacaba a besta parda que levaba dentro e despregaba un repertorio de labazadas, golpes e “puntapes” mais propios dun “macarra” que dun educador, todo elo acompañado por uns bufidos que acentuaban o dramático do momento, sobre todo para o receptor da súa ira; moi coñecidos  foron varios casos, que moitos ex alumnos  aínda gardamos no subconsciente mais de un cuarto de século despois e, senón, que lle pregunten a un actual concelleiro de O Grove, non sei de que partido (non o sabe nin el mesmo) ao que chamabamos “Pelirrana” e que descubriu nas súas propias carnes que doloroso podía chegar a ser o borrador da encerado. 
      Con todo debo dicir que hoxe en dia eu, como moitos compañeiros de entonces, gardamos moi bos recordos
deste colexio, coincidindo a maioría en que neste centro pasamos os mellores anos escolares da nosa vida.   
      Pero volvamos co “Camaleón”, como dicía antes, dende que descubrimos o tema da sexualidade humana empezamos a contar os días que faltaban para chegar a  desenrolalo na clase......e chegou tan ansiado dia. O propio “Camaleón” decatouse, cando entrou na aula, que ese era un dia distinto: acostumado a que cando chegaba, os alumnos estivesen falando, de pe, rindo, vamos,  todo dentro dun certo barullo; pero ese dia non foi igual, cando entrou, todos, absolutamente todos estabamos correctamente  sentados no noso pupitre e mantendo un silencio sepulcral; O  “Camaleón” dirixiuse a súa mesa,
sabendo que todos o seguiamos coa mirada; unha mirada con ansias de aprender (supoño que, nese intre, sentíase  como  un animaliño que está agonizando mentres unha bandada  de  voitres voan ó seu  arredor), deixou o seu maletín na mesa e dirixíndose a nos, dixo unhas palabras que non sentaron como un xerro de auga fría; basicamente, contounos que dito tema non tiña tanta importancia dentro do temario, que había outros mais importantes e que mellor quedaba para o final e si daba tempo, entón, se desenrolaría (cousa que nunca chegou a producirse), non vou as explicarvos, queridos amigos, a cara que se nos quedou; algún  tempo despois “Garbancito” ( que era un mestre laico e o noso titor) explicaríanos, por fin, o tema tan anhelado por nos, información que acabamos
completando coas primeiras revistas pornográficas que, en esa época, comezaban a entrar, de forma clandestina no colexio. 
      Por iso cando hoxe en dia o meu fillo me fala deste tema coa mesma facilidade que me fala do ultimo xogo para a  Playstation, agradezo ter un ensino publico da calidade que temos, a pesar de ser vilipendiado como é polo  Partido Popular, favorecendo descaradamente o ensino privado e, a vista do peso que está tomando a relixión católica neste goberno  onde toda unha  ministra de Traballo di, sen ningún rubor, que cando baixa o paro algo terá que ver a Virxen do Rocio ou escoitas a  un ministro de Interior, que se supón que debería ser unha persoa minimamente seria, dicir que estamos saíndo da crise grazas a  Santa Teresa, pois eu,
persoalmente,  temo que un dia o Ministerio de Educación rexeite a Teoría da Evolución das Especies de Darwin e nos próximos libros de texto defendan que o home descende de Adan e Eva.......... ¡Deus non o queira!
UN SAUDO A TODOS

            RICARDO DOMINGUEZ REY
   




NOTA: O MEU AGRADACEMENTO  A PERTO “PISALLEIRA”,  JAVIER PIÑEIRO ESCUDEIRO E ARTURO CORES POLA DATOS E ANECDOTAS QUE ME APORTARON PARA A REALIZACION DESTE ARTIGO
      

Ningún comentario: