14 de ago. de 2015

FIANDOLA, OUTRO DOS GRUPOS DE RENOME, NO FESTIVAL DE XIRONSA

CASE 20 ANOS ALEGRANDOLLE A VIDA AOS GALEGOS E GALEGAS.
Fiandola é un grupo de música galega de base tradicional. O traballo deste
grupo nace da transformación e interiorización da música de raíz de Galicia que se plasma nun modo particular de interpretar esta música e de compoñer novas melodías.
Fiandola presenta un repertorio orientado ao baile e ao directo e que se nutre do traballo de campo desenvolvido polos membros do grupo, polos cancioneiros e arquivos dispoñibles e polo traballos de composición e arranxos que eles mesmos elaboran ou por melodías doutros compositores galegos.
Fiandola deu os seus primeiros pasos musicais na cidade de
Compostela ao abeiro da Universidade de Santiago de Compostela no curso escolar 1995-1996. Os seus membros fundadores son Alberto Barreiro "Warren", Fran López, Edelmiro Fernández, Carolina Nogueira, Manolo Maseda, Cristina Nogueira, Lola Fernández, e Champelo, todos eles de Moaña, Betanzos, Santa Uxía de Ribeira, Burela e Viveiro. Estréanse cun concerto nunha sardiñada popular no
santiagués barrio do Meixonfrío. Nese ano 1996 presentáronse ao certame de música folk da Consellería de Familia Muller e Xuventude, da Xunta de Galicia, do que resultaron gañadores xunto cos grupos Silvardeira e Belladona. Resultado deste premio foi a gravación dun disco conxunto no que Fiandola gravou dous temas: Muiñeira do
Cura e Jota de Norte - Relouca Petote. O nome que recibiu este traballo discográfico conxunto foi Xuventude'96.
No ano 2004 participaron no traballo discográfico conxunto Chill Out Celta co tema Celanova, un tema de composición de Alberto Barreiro "Warren".
Despois destas dúas experiencias en discos compartidos Fiandola lanzou no ano 2005 ao mercado o seu primeiro
traballo discográfico. Este traballo, gravado baixo o nome Bricania, recolle dez temas: Velaí-vai, Maruxiña, Celanova, Mueveté, Lobios, Tenderé, Mariíña, Marcial, Rumbas e Santa Comba. Todos estes temas son tradicionais a excepción de Celanova, composta por Warren, e Mariíña, de Manolo Cobas. Neste momento Fiandola mudou a súa formación e está composta por Alberto Barreiro "Warren", Fran López, Lucía Vázquez, Cristina Sánchez, Manolo Cobas, Santiago Budiño e Arantxa Alfaia. Nesta gravación colaboran Xacobe Lamas, Roberto Ezquerro, Iván Costa Blanco e as pandeireteiras do grupo coruñés Donaire.
Despois dun longo percorrido no que actuaron nos mellores festivais de música tradicional e folk de Galicia e da Península Ibérica, o grupo afronta un novo traballo discográfico que ve a luz no ano 2011. Este novo traballo discográfico gravouse baixo o título de Mimá. Unha ducia de temas compoñen este novo traballo: Brasil, Muiñeira do Cura, Ghoxada, Rosas Negras, O Turito, Parabí Papipó,
Monfortinos, Danza de Xastre, Marentes, Carelle, Carmiña e A amora. Nove temas son de corte tradicional, ben de recollidas, ben de cancioneiros e arquivos, e tres son de composición: Ghoxada, de Fran López, Parabí Papipó, de Serxio Cobos, e A amora, de Alberto Barreiro "Warren".
A formación musical de Fiandola no ano 2011 está formada por: Alberto Barreiro "Warren" ao acordeón e voz, Fran López, á frauta traveseira, voz e saxo, Santi Budiño, á gaita e voz, Cristina Sánchez, á voz e clarinete, Manolo Cobas, á percusión e voz, e Sandro Sotelo á percusión. A letra do tema Rosas Negras é deRosalía de Castro (Castellanos de Castilla, Cantares Gallegos,1863) que foi levada á melodía deste tango recollido na Illa de Ons. Esta gravación contou coa colaboración de Xacobe Lamas, Lucía Vázquez, Antonio Suárez, Francisco López, Alberto G. Noguerol, Andrés Pandelo, Diego Rodríguez e Miguel A. García.
Neste mesmo ano 2011 entra a formar parte do grupo Marcos Pérez que se fará cargo xunto con Manolo Cobas da percusión, Antón Suárez ao clarinete, e Alba Gutiérrez que se fará cargo da voz e pandeiretas.
A Formación de Fiandola no verán de 2011 é: Alberto Barreiro "Warren", Fran López, Santi Budiño, Marcos Pérez, Manolo Cobas, Antón Suárez e Alba Gutiérrez.
O 1 de marzo de 2013 élle concedido o premio ao "mellor grupo ou solista de Moaña" dentro dos Premios da Música que organiza o Var con Uve, Abelendo (Moaña).
Compoñentes: Pili GonÇalves, Antonio Suárez, Santi Budiño, Manolo Cobas, Marcos Saburido, Warren (Alberto Barreiro) e Fran López.

Ningún comentario: