11 de xan. de 2016

DENDE O .TK

Unha ollada ao medio ano de Cambio

Hai uns días que remataron as vacacións de Nadal, nas que tiven o gusto de regresar por algo máis de un par de semanas a Cambados. Alí había moitas cousas agradábeis agardando, por suposto a familia e os amigos, moita xente coa que reencontrarse. Pero tamén algunha cousa un tanto desconcertante. Por exemplo, o exemplar número 1 do boletín informativo do Partido Popular de Cambados. Desconcertante non só por ser algo estraño que en máis de tres décadas de democracia vaian polo primeiro número...senón pola “información” que nel atopei. Para aforrar tempo, e porque tampouco se trata de facer oposición á oposición, centrareime tan só nos dous apuntes que dan na propia portada:


O primeiro é “Os populares de cambados gañamos amplamente as eleccións de Maio”, acompañado cun gráfico no que por certo non se respecta a proporcionalidade entre a lonxitude das barras e o número de concelleiros (adiviñade cal é a barra beneficiada). Isto fíxome pensar que realmente o propósito desta portada non é informar á cidadanía, por dous motivos...o primeiro é que as eleccións ocorreran máis de medio ano antes de publicarse o boletín, polo que é de agardar que a esas alturas os cambadeses saiban quen gañou ou perdeu nas mesmas. O segundo é que se o primeiro motivo é certo, a maioría de cambadeses xa saben que o que o boletín do PP destaca non é verdade. Semella esta portada máis un exercicio de autoconvencemento (ou autoengano, neste caso) que de información aos veciños. Por que digo isto? Pois porque todos sabemos que neste Estado a lei electoral non é presidencialista senón representativa, polo que o gráfico aportado polo PP non pode ser indicador sobre quen resultou gañador nas eleccións de Maio ao non haber maioría absoluta. No noso sistema, aínda que resulta complexo falar de perdedores ou gañadores, pode dicirse que resulta gañador quen consegue formar goberno (algo que estamos a ver máis claramente tralas eleccións xerais de Nadal). Entón, gañou amplamente o PP as eleccións de Maio, como afirman? Cabe pensar que non, senón todo o contrario, e gustaríame aportar unha gráfica alternativa para ilustrar mellor a realidade:
A realidade é que tras 28 anos de goberno da dereita en Cambados, en Maio a veciñanza de Cambados decidiu mudar e dar o apoio maioritario a un grupo de partidos que chegaron a un acordo de coalición de goberno. Ese grupo de partidos representa o 52.9% do voto popular, fronte ao 45.6% do propio PP. Podería ter ocorrido que fora o Partido Popular quen tralos comicios acadara un acordo con outra(s) formación(s), resultando alcalde outra vez Luís Aragunde, mais non foi así. Desde Maio temos un goberno de coalición, un Goberno de Cambio, ao que na prensa dan en chamar “cuatripartito” posto que está formado por concelleiros de catro formacións políticas (PSdeG, BNG, Somos Cambados, e Cambados Pode). Recoñezo que resulta algo frustrante estar aínda en Xaneiro de 2016 explicando o que é unha realidade tan simple, mais en vista do boletín popular, e tamén da dialéctica axitada dalgún espazo en internet, parece que o PP non dixeriu aínda que nin gañou as eleccións en 2015, nin goberna xa en Cambados.
O segundo apuntamento que fai a portada do boletín popular é “o cuatripartito duplicou nun 95% (sic) os gastos nos seus salarios”. Gracioso, en primeiro lugar, porque se se recoñece que existe un “cuatripartito” entón non é posible que o primeiro titular (“gañamos amplamente as eleccións de Maio”) sexa certo. Falso, en segundo lugar, porque os datos demostran que o custo do actual goberno local non aumentou, nin moito menos duplicou (vou deixar a un lado a expresión confusa de “duplicar nun 95%”), o custo dos gobernos do PP. Para ilustrar isto, só é necesario consultar as Contas Xerais do Concello de Cambados, que poden atoparse nas web transparenciacambados.gal e rendiciondecuentas.es. Resulta que o Partido Popular “esqueceu” mencionar no boletín que durante os seus mandatos ademais de cobrar un salario o alcalde e tenente de alcalde, tamén o facían persoas non elixidas pola cidadanía...é dicir, asesores a dedo. Existían tres prazas de asesores de designación da alcaldía: Auxiliar de Comunicación, Asesor de Comunicación e Secretario do Alcalde, estando recentemente vacante o primeiro posto. O custo dos outros dous asesores representaba aproximadamente a metade do custo do goberno do PP, como pode observarse na figura de embaixo (exclúe gastos de desprazamentos e outras dietas).

A diferenza de custos entre os gobernos do PP e Goberno do Cambio actual non é demasiada, excepto que hoxe xa non contan con asesores senón que as liberacións que existen hoxe son para persoas electas por cambadeses. Este tema, o dos salarios, foi (e é) empregado repetidamente para atacar ao goberno local por, supostamente, ser carísimo para Cambados por estar formado por 4 partidos políticos. A realidade, a dos datos que poden ser comparados nas fontes mencionadas, é outra. É certo que os soldos poderían ser algo máis reducidos e sobre todo, que foi frustrante para os votantes de esquerda que se visibilizara este tema como central nas negociacións que precederon ao pacto de goberno...mais a retórica do PP e achegados é falsa e é doado demostralo. Á fin e ao cabo resultou que un goberno formado por catro partidos non é máis caro que un monocolor.
Pero...máis alá da discusión dos salarios...está cumprindo este novo goberno co seu cometido? Quizais é cedo para xulgar, posto que só pasaron uns sete meses desde a toma de posesión. Ademais, quedou patente que moitas das áreas de goberno contaban con escasos recursos para rematar o ano cando deixou o PP a Alcaldía (algunhas concellerías, como a de Cultura, estaba incluso en números vermellos). Mais si hai xa indicadores dun cambio claro de actitude. Porque hai cousas (obras, arranxos, grandes proxectos) que requiren dun tempo de planificación e de cartos, mais hai outras que son só cuestión de vontade e ganas. 
Por exemplo, hai un espírito de rexeneración da política municipal e de transparencia que son obxectivos. Para empezar, duplicouse a frecuencia de celebración dos Plenos, o único órgano no que a oposición ten oportunidade de cuestionar a acción de goberno e de presentar alternativas, e a cidadanía de enterarse formalmente do devir municipal. Curiosamente foi o propio PP o que protestou por este cambio ao considerar que non existen temas abondo para “encher” un pleno ao mes (quizais porque a oposición do Partido Popular tardou até finais de Outubro para presentar a primeira moción en pleno). Puxéronse en marcha os consellos de participación veciñal, que só serán un éxito se a veciñanza participa e se fai dona deles. Mudou radicalmente a relación do Goberno coa cidadanía, abríronse espazos nas redes sociais e comezouse a colgar na páxina web toda clase de anuncios e información municipal, fronte ao desuso ou ao uso partidista da páxina oficial en anteriores lexislaturas. Fronte á prohibición de gravar os Plenos do alcalde Luís Aragunde comezou a gravación destes por parte do novo Goberno e emisión en directo para calquera interesado. Fronte a falla de vontade para dar información mesmo a concelleiros (lembremos as continuas queixas ao Valedor do Pobo da antiga oposición) abriuse un novo portal de transparencia (transparenciacambados.gal) que contén xa bastante documentación municipal e de seguro seguirá medrando. Por poñer casos concretos, cos gobernos do PP tardábanse meses en coñecerse información como as Contas da Festa do Albariño. Nesta ocasión, foi en Setembro cando se publicaron na web oficial, xunto coas de anos anteriores que nunca tivo a ben subir o Partido Popular.
Precisamente foi o Albariño un evento no que se puido comprobar a capacidade do novo executivo. Con menos de dous meses para organizar, foi patente que o resultado foi máis unha vez un éxito de afluencia e á vez con cambios introducidos na organización, como maior limpeza, maior presenza de actuacións galegas, e redución do gasto no polémico Xantar que outrora fora convertido nun banquete de balde para cargos do PP. O goberno introduciu a lectura pública dun Pregón na Praza do Concello e retirou apoio aos actos, normalmente de enxalzamento “popular”, do “Capítulo Serenísimo”. Ademais, o custo das Festas foi sensíbelmente menor a outras edicións, como pode observarse na figura a seguir:

É claro que a Festa do Albariño non pode valer de indicador exclusivo para valorar a xestión dun goberno local, mais hai outros exemplos que ilustran as consecuencias no cambio de goberno. Observouse unha suba na actividade “lexislativa” do goberno, coa presentación en pleno e aprobación de máis dunha ducia de ordenanzas. Entre elas atópase a baixada do imposto de bens inmóbeis ou a creación dun viveiro de empresas no Polígono que debería ser unha realidade neste exercicio. Ou a reclamación da Sede do Consello Regulador de Rías Baixas para Cambados, ao que se sumou incluso o propio Partido Popular que paradoxalmente fora responsábel de que a levaran a Pontevedra. E a retirada do proxecto de comportas para o Saco de Fefiñáns, que nunca contou co consenso dos principais sectores afectados nin cun estudo de impacto ambiental. Ou tamén o recente anuncio de medidas específicas para combater a pobreza desde a institución local.
Así, aínda que é cedo, semella que por agora o Goberno do Cambio navega na boa dirección. Claro está que non todo é perfecto nin que se vaian a mudar realidades xestadas durante 28 anos da nosa longa noite de pedra da noite para a mañá... mais co traballo dos que lle tocou estar ao pé do canón nesta experiencia, e a implicación necesaria dunha boa parte dos veciños, confío en que Cambados vai ser moito mellor en moitos sentidos cando remate esta lexislatura.




Un artigo de Óscar Pardo-Planas

Ningún comentario: