25/01/2018

AS PEONALIZACIÓNS NECESARIAS

Un cando fala de peonalización en Cambados, sempre o asocia a tantas veces solicitada da Praza de Fefiñáns, praza esta, que é a imaxe senlleira da nosa vila e que probablemente xunto cos nosos viños sexa o que nos destaca por riba doutras poboacións. Moitos, nos últimos días, intentaron aproveitar para sacar este tema a raíz da noticia que falaba dunha muller ferida por un bolardo logo de que este saíra disparado tras impactar contra el un turismo.

Non considero que este tipo de incidentes teñan que poñer no mapa un tema que non debería saír da axenda dos nosos políticos sempre que un so coche poida circular legalmente por este marco incomparable.

Pero neste artigo quero ir un pouco máis alá e destacar que Cambados ten a obriga de camiñar cara unha peonalización progresiva da maior parte das zonas do seu casco urbano e do seu casco histórico. No caso da rúa Isabel II, xa se recolleron case 300 firmas para solicitar o seu peche o tráfico. Dende aquí espero que non nos depare algunha desgraza máis pronto que tarde, xa que é unha rúa ateigada de persoas na fin de semana e o paso dos vehículos polo que podemos chamar sen miramentos o tontódromo (xa que que se trata dunha rúa que non te leva a ningún lugar o que non poidas ir por outra vía) é incesante.

Calquera momento da fin de semana na rúa Isabel II

O futuro pasa sen dúbida por facer as cidades e os pobos, para as persoas e boa proba desta senda a temos en Pontevedra, exemplo de cidade peonil para todo o mundo. Deste proxecto incluso tomou boa nota o megalómano Abel Caballero que xa ten proxectado soterrar o tráfico na zona de Porta do Sol en Vigo.

Unha decisión deste calado non pode deixar de realizarse pola falta de altura de miras de un, dous ou tres políticos cambadeses e moito menos pola maior ou menor venta de viños dun determinado hostaleiro cambadés.

O primeiro paso é buscar alternativas o tráfico e opcións realistas de aparcamento nas proximidades do casco histórico e o seguinte a educación dos cambadeses e cambadesas, que as veces parece que necesitamos meternos co coche ata o porta de tódolos sitios os que temos que acudir. No primeiro punto teño a esperanza de que xa teñamos alguén do concello traballando, aínda que sexa nun segundo plano.


Mentres estas peonalizacións non se leven a cabo, todos os cambadeses que nos atopemos a favor da mesma temos unha opción pacífica e coa que pouco a pouco podemos repercutir en que o tráfico naquelas zonas que queremos gañar como viandantes vaia a menos. Esta forma de “protesta”, non é outra que deixar de pasar cos nosos coches pola praza de Fefiñáns ou pola rúa Isabel II. Recomendo encarecidamente que o intentedes e poderedes comprobar como non é tan complicado, nin vos vai a supoñer ningún inconveniente no voso día a día. Eu levo meses facendo e teño a miña casa o pé da praza.

Ningún comentario: